A gastronomía e a historia únense na comarca de Monterrei coa chegada do concurso "O Pincho Irmandiño", unha iniciativa gastronómica promovida no marco da Revolta Irmandiña que terá lugar os días 19, 20 e 21 de xuño. O certame, dirixido aos establecementos hostaleiros de Verín e Monterrei, convida a viaxar ao século XV a través do padal, propoñendo un reto creativo baseado exclusivamente en ingredientes coñecidos en Galicia antes do descubrimento de América.
Cociñando co pasado
A principal singularidade deste concurso reside na súa temática: os pinchos deberán elaborarse unicamente con produtos coñecidos en Galicia. Quedan así excluídos ingredientes tan habituais hoxe como a pataca, o tomate ou o pemento, dando protagonismo a cereais como o trigo ou o centeo, legumes, carnes tradicionais, peixes, ovos, froitos secos, lácteos ou mel, entre outros.
Cada establecemento poderá presentar unha única proposta, quente ou fría, a un prezo fixo de 2,50 €, que deberá estar dispoñible para a clientela durante os tres días do concurso nos horarios habituais de apertura.
Sabores con historia... e con sabor a Revolta
Durante a presentación oficial do certame, poidemos degustar en primicia a Hamburguesa Irmandiña “A Revolta”, prato oficial da carreira irmandiña. A súa elaboración combina tradición e vangarda:
- Carne de tenreira local, preparada á grella
- Queixo artesanal de produtores da contorna
- Cebola caramelizada, que achega dozura e/ou un toque afumado
- Follas de rúcula, para un toque fresco e intenso
- Salsa especial “Revolta”, feita con ingredientes da época e viño Mencía
- Pan artesanal, cun sabor e textura únicos
A creación é obra do cociñeiro José Luis García, e foi presentada xunto coa iniciativa gastronómica polo xerente de Elogo Delivery, Javier M. Quintas, empresa patrocinadora da iniciativa; e por José Prado e Ángeles Sierra, membros da organización, que destacaron o valor desta proposta como ferramenta de dinamización do sector hostaleiro e de posta en valor da identidade gastronómica da comarca.
Inscricións abertas ata o 12 de xuño
Os locais interesados en participar deberán inscribirse antes das 20:00 h do 12 de xuño, enviando un correo a arevoltairmandinha@ktorce.gal. A inscrición debe incluír datos do establecemento e do responsable, unha fotografía do pincho, a súa listaxe de ingredientes e o nome da proposta.
A organización, en colaboración cos locais, revisará e validará as receitas para garantir o rigor histórico do evento. Tamén poderá ofrecer asesoramento culinario aos locais que o soliciten.
Premios do xurado e do público
Durante o evento, a clientela poderá valorar os pinchos a través dun sistema de votación por código QR. O día 22 de xuño, ás 14:00 h, durante o acto de clausura da Revolta Irmandiña na Praza da Preguiza, entregaranse os seguintes galardóns:
- Premio do Xurado Técnico: sabor, presentación e rigurosidade histórica
- Sorteo dun bono de 100 € entre as persoas que participen nas votacións
"O Pincho Irmandiño" é unha proposta orixinal que invita a experimentar coa cociña do pasado, poñendo en valor o talento dos profesionais da hostalería local e ofrecendo á veciñanza e visitantes unha experiencia gastronómica única.
