domingo. 19.07.2026
Ludonadal ofrecerá actividades entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro

NOTICIAS VERÍN | Aberto o prazo de inscrición para a Ludoteca de Nadal

20221231LUDONADAL Verín COTILLON _12, foto do concello de verín
Inchables, obradoiros, festas temáticas e ducias de actividades para a cativada na Ludonadal. | FOTO: Concello de Verín.

O Concello de Verín vén de abrir o prazo de inscrición na Ludoteca de Nadal, un servizo de conciliación familiar pensado para nenos e nenas de 3 a 12 anos que ofrecerá actividades de lecer educativo e divertido dende o 23 de decembro ata o 7 de xaneiro. Unha oportunidade para que participen nunha ampla variedade de actividades deseñadas para fomentar a creatividade e o espírito festivo.

Ludonadal desenvolverase no Pavillón de Deportes de Verín de luns a venres, de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados, de 9:00 a 14:00 horas. O custo total do servizo é de 90 euros por todos os días e horarios. Para quen prefira horarios parciais, a tarifa será de 60 euros para mañás ou tardes. Tamén existe a opción de pagar por día: 15 euros (día completo) ou 8 euros (medio día).

 

As persoas interesadas poden formalizar a inscrición ou obter máis información na Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada na Casa da Xuventude de Verín, ou chamando ao teléfono 988 414 776.

Actividades para aprender xogando

Ludonadal ofrecerá actividades de lecer que fomentarán a diversión e a creatividade da cativada nun ambiente festivo. Entre outras, inchables e obradoiros, xogos de busca como "A procura do agasallo", contacontos de Nadal na Biblioteca Municipal, celebración do Día dos Santos Inocentes, a tradicional festa de Prenoitevella, canto de panxoliñas no Centro de Día Solleira, visita do Ratiño Pérez, scape room con temática de Nadal, sesión de cine con palomitas, creación de decoracións navideñas ou a elaboración das cartas para os Reis Magos.

NOTICIAS VERÍN | Aberto o prazo de inscrición para a Ludoteca de Nadal