martes. 23.07.2024
20240613 ESCOLAS DE FRONTEIRA_inauguración acto clausura_xinzo de Limia
Xinzo acolle o encontro que pecha o programa deste curso académico.

O CEIP Amaro Refojo e o CEIP Princesa de España son membros do proxecto "Escolas de fronteira", que naceu para promover a educación intercultural e bilingüe nos centros de ensino situados nas zonas fronteirizas entre España e Portugal. A finalidade é crear unha rede de escolas que proporcione ao alumnado transfronteirizo unha educación de calidade e fomente a empregabilidade. 

Representantes do profesorado de ambos centros están participando no encontro que pechará o programa neste curso escolar. Unha reunión que se está a celebrar en Xinzo de Limia e na que se analizarán os resultados das iniciativas desenvolvidas ao longo deste ano encamiñadas a pór en valor a diversidade lingüística e cultural na educación. Ademáis, servirá para definir as estratexias que deberán seguir co obxectivo de dar continuidade ao programa de educación transfronteiriza.

Un dos eixos fundamentais é a capacitación do profesorado, que participa en proxectos de intercambio para pór en marcha prácticas pedagóxicas e didácticas plurilingües e interculturais. Cada centro escolar de Verín ten o seu compañeiro espello nunha escola de Portugal e o seu profesorado realizou unha formación específica sobre metodoloxía de proxectos multiculturais. 

20240613 ESCOLAS DE FRONTEIRA_encontro fin de curso en Xinzo de Limia (10)
O encontro permite intercambiar experiencias pedagóxicas do profesorado transfronteirizo.

 

Escolas de fronteira

Escolas Bilingües e Interculturais de Fronteira é un proxecto de cooperación entre os gobernos de Portugal e España e as Comunidades Autónomas, coordinado pola Organización dos Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), a maior organización de cooperación entre países iberoamericanos de fala hispana e portuguesa.

Neste curso, participaron na iniciativa un total de 49 centros de España e Portugal; deles, seis galegos. Ademais dos centros de ensino de Verín, están o CEIP Rosalía de Castro e o CEIP Carlos Casares, de Xinzo de Limia, o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra do Miño) e o CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui.

NOTICIAS VERÍN | Os coles de Verín participan no programa 'Escolas de fronteira'