miércoles. 01.05.2024
O parlamentario verinense Diego Lourenzo, este xoves, na súa interpelación ao conselleiro de Sanidade.
Diego Lourenzo, en setembro, durante unha das súas intervencións no Parlamento de Galicia.

Pouco lle durou a Diego Lourenzo Moura a súa andanza no Parlamento de Galicia. Quizais a terriña bótase en falta cando un ten que viaxar constantemente para atender as responsabilidades parlamentarias, e fíxoo con nota nistes meses; quizais, ás veces, hai que alonxarse para decatarse do que un realmente quere. Que Diego Lourenzo quere a Verín non ten dúbida.

El mesmo recoñecíao ó anunciar a súa renuncia a ocupar postos de saída na candidatura do Bloque Nacionalista Galego nas eleccións autonómicas que se celebrarán o vindeiro 18 de febreiro: "Nesta etapa no Parlamento decateime de que Verín foi e segue a ser a miña prioridade e require da totalidade dos meus esforzos".

Ser tenente de alcalde de Verín e deputado no Parlamento de Galicia require duplicar esforzos, tempo e desvelos. Para alguén tan autoesixente como Diego Lourenzo a situación provoca sentimentos encontrados respecto ao cumplimento das responsabilidades que conlevan ambos postos; motivo polo que tomou a decisión: "Renuncio co firme convencemento de que debo e quero dedicar todo o meu tempo e a miña enerxía a Verín", afirma Lourenzo Moura.

Ana Pontón: "Un luxo compartir Parlamento contigo. De novo, demostraches a túa valía e capacidade de traballo"

Non é que Diego Lourenzo vaia desaparecer da candidatura do BNG, seguirá formando parte dela e traballando en prol de Galicia, coma sempre, pero pechando a lista nacionalista: "Dende Verín, con toda a forza e amor, traballarei nestes días que quedan ata o 18F para cumprirmos o ansiado e necesario resultado que poña a unha muller valente, traballadora e alegre ao fronte da Xunta", afirmaba referíndose a Ana Pontón.

Reaccións inmediatas

As reaccións non tardaron en chegar. A propia Ana Pontón, voceira do BNG e candidata á presidencia da Xunta de Galicia, recoñecía que lle gustaría ter a Diego Lourenzo nos primeiros postos da lista: "Un luxo compartir Parlamento contigo. De novo, demostraches a túa valía e capacidade de traballo. Sabes que me gustaría seguir contando contigo, pero respecto a túa decisión de adicarse ao 100% a Verín", escribía en redes.

Parlamentario dende as últimas eleccións municipais, celebradas en maio do 2023, o seu traballo como deputado merece o recoñecemento de compañeiras e compañeiros. A ourensá Noa Presas, deputada polo BNG no Parlamento galego, afirmaba: "O parlamentarismo perde, pero gaña Verín, gaña Ourense e gaña este proxecto colectivo que axudaches a tecer nos peores momentos".

Ana Pontón, con Diego Lourenzo e Samanta Barreira. | FOTO: Iván Iglesias.
Ana Pontón, con Diego Lourenzo e Samanta Barreira. | FOTO: Iván Iglesias.

Tamén dende Verín houbo loanzas á decisión tomada por Diego Lourenzo. A concelleira de cultura, Samanta Barreira, dicía: "Somos moitísimas persoas as que sabemos da túa enorme valía humana, da túa capacidade de esforzo e do teu compromiso con Verín. Fan falta máis persoas coma ti, capaces de priorizar o realmente importante por encima de calquera outra cousa, ata dun mesmo. Sen dúbida, pertences aos bos e xenerosos dos que falaba Pondal".

Diego Lourenzo Moura deixa o Parlamento de Galicia coa satisfacción da experiencia adquirida nistes meses de traballo: "Aprendín moito e lévome, sobre todo, o exemplo e o afecto do grupo parlamentario do BNG e das súas traballadoras/es", afirmaba ao tempo que daba as grazas a compañeiras e compañeiros.

NOTICIAS VERÍN | Diego Lourenzo: "Verín foi e segue a ser a miña prioridade"