lunes. 29.04.2024
A edición do pasado ano da Festa da Cervexa de Verín congregou un gran número de participantes. | FOTO: Arquivo.

Este ano será a terceira edición da Festa da Cervexa na vila de Verín. Un evento que, cada ano, incrementa o número de asistentes dispostos a degustar as variedades cervexeiras, acompañándoas cos distintos tipos de comida que se ofrecen e participando nos espectáculos musicais que amenizan o evento.

Non queda nin un mes para a celebración da Festa da Cervexa, motivo polo que o Concello de Verín xa está a buscar negocios que queiran participar no evento cun stand propio co obxectivo de ampliar e diversificar a oferta gastronómica e cervexeira para os amantes da birra. 

Ata o vindeiro 30 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para quen quera poñer un posto cervexeiro ou de alimentación na III Festa da Cervexa; un evento que se celebrará os días 13 e 14 de outubro na Preguiza. A organización está aberta ás propostas que se presenten, nunha participación que será gratuíta e que debe ter relación coa temática do festexo.

No 2022 servíronse milleiros de litros na Festa da Cervexa. | FOTO: Arquivo.

Poderán participar cervexeiras nacionais e internacionais, na procura de ofrecer a posibilidade de catar unha maior variedade de birras ás persoas amantes dista bebida. Respecto ós postos de comida, deberán presentar propostas axeitadas a este tipo de feira sectorial, ademais das propostas gastronómicas locais.

O recinto feiral contará con seguridade e, dende a organización, recoméndase o uso das xarras propias do evento e a utilización de utensilios de material biodegradable, respectuosos co medio ambiente, nos servizos de restauración. Para máis información sobre as bases de participación, pódese consultar a web do Concello de Verín.

NOTICIAS VERÍN | Comezan os preparativos da terceira edición da "Festa da Cervexa"