Ata 32 curtas, de máis dunha ducia de nacionalidades diferentes, participarán na sección oficial da VIII edición do FIC Vía XIV de Verín, que arranca o vindeiro venres, 8 de setembro. Durante nove días, ademais do visionado dos films que se presentan a concurso, o certame ofrecerá un amplo programa de actividades paralelas.
O FIC Vía XIV 2023 aposta iste ano pola defensa da sostibilidade ambiental. A categoría Horizontes 3 programará curtas que abordan a relevancia da biodiversidade e o certame contará cun foro de debate para analizar como integrar a sostibilidade dentro da xestión cultural; unha actividade que se realizará coa colaboración de Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema.
Neste 2023, o FIC Vía XIV intensifica a programación orientada ó público infantil creando unha categoría específica. Ademais do visionado das curtas, a cativada participará nun espectáculo de Raquel Queizás que lles trasladará a "maxia do cinema" a través da ciencia ficción.
Actividades paralelas, música e gastronomía
A organización do certame propón unha edición cargada de novidades e cunha axenda paralela que triplica as actividades con respecto á pasada edición. Un concurso de pintura para artistas gráficos, un obradoiro de interpretación perante a cámara, outro sobre o uso da intelixencia artificial no sector audiovisual ou o percorrido histórico polo rico legado do patrimonio cinematográfico de Verín son algunhas delas.
Fornecendo o obxectivo de converterse nun contedor cultural con vocación de permanencia na comarca, o festival volverá acoller unha chea de actividades musicais; concertos, sesións de DJs ou a musicalización de curtas mudas por parte do grupo Caspervek, que volve participar no Cinema na Rúa, unha das actividades con maior éxito na pasada edición.
Volve o túnel de viño, organizado pola D.O. Monterrei; a cata de cervexas, con maridaxe con produtos tradicionais e pinchada 100% en galego; unha sesión vermú na Praza García Barbón que contará con ambientación musical e recupérase a iniciativa Pincho Cine da man da hostalaría local.
Pepe Viyuela, en Verín
Sen dúbida, un dos pratos fortes do FIC Vía XIV 2023 vai ser a estadía en Verín do carismático Pepe Viyuela. O coñecido actor participará no coloquio posterior ao visionado do documental Un viaje hacia nosotros, dirixido por Luis Cintora e guionizado por el mesmo, que reflexiona sobre a realidade dos refuxiados durante a Guerra Civil a través da historia do seu propio avó.
Ademais, Pepe Viyuela ofrecerá unha sesión do seu aclamado espectáculo Encerrona. Será o sábado, 9 de setembro, no Auditorio de Verín. Unha representación, ben coñecida, que reflexiona sobre o cotiá dende a perspectiva do pallaso, entre tintes de comedia e humor absurdo.