domingo. 28.04.2024
Raquel Queizás, na pasada edición do FIC Verín, ofrecendo unha "Sopa Cómica" á cativada. | FOTO: Arquivo.

Dende que naceu o FIC Vía XIV, a organización tivo a teima de involucrar á cativada da bisbarra ofrecéndolle actividades creadas con especial cariño e co obxectivo de acheala á cinematografía. Nista edición, que arrancára o vindeiro 8 de setembro, por primeira vez se incluirá unha categoría infantil como nova sección oficial.

A grella oficial do certame contará iste ano con catro curtas programadas para ser visionadas polos máis pequenos. Será na mañá do xoves, día 14, cando no Auditorio de Verín a cativada poda ver as obras: O Monstro e a nena, Ovo, Papirola e Chimborazo.


Dende o FIC Vía XIV convidouse a todos os colexios da comarca a participar na actividade. A cativada poderá votar polo seu traballo favorito, nembargantes o premio á mellor curta desta categoría será outorgado polo xurado profesional, ao igual que acontece co resto de categorías.

Raquel Queizás, durante a súa participación no FIC Vía XIV do 2022. | FOTO: Arquivo.

A axenda infantil do Festival de Curtas de Verín estará dirixida pola narradora oral Raquel Queizás, quen será a encargada de familiarizar á cativada coa maxia do cine a través do fío condutor da ciencia ficción nunha actividade que levará por título "Vémonos no futuro".. | FOTO: Arquivo.

Novos mundos

"Este espectáculo convida á rapazada a unha fantástica viaxe no tempo. Imos coñecer as primeiras adaptacións literarias de ciencia ficción. Gozaremos dos pioneiros efectos especiais. Esperan por nós moitas aventuras que nos van levar, fotograma tras fotograma, á descuberta de novos mundos", destaca Raquel Queizás.


Para Carlos Montero, director do FIC Vía XIV de Verín, "é moi importante incentivar que os nenos e nenas da comarca poidan achegarse á cinematografía cunha actividade cuxo obxectivo é axudar a que se poida espertar neles o interese pola sétima arte e conformar espectadores críticos para o día de mañá".

NOTICIAS VERÍN | O FIC Vía XIV programa unha sección oficial dirixida ó público infantil