lunes. 29.04.2024
Samanta Barreira e Javier Quintas co cartel da Batucada. | FOTO: Cedida.
Samanta Barreira e Javier M. Quintas co cartel da Batucada. | FOTO: Cedida.

Os días 28 e 29 de xullo, Verín celebrará a súa tradicional festa da Batucada, un evento que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor da música, o baile e a diversión. O programa oficial da festa inclúe actividades para todos os públicos e gustos, desde desfiles infantís e concertos ata festa da espuma e este ano, como novidade, unha batalla de batucadas. Así o confirmou esta mañá a concelleira de Cultura, Festexos e Turismo, Samanta Barreira, que presentou o programa oficial acompañada de Javier M. Quintas, xerente da empresa verinesa Elogo Delivery, patrocinadora do evento.

Venres 28 

11:00 horas: colorido desfile infantil da ludoteca municipal, coa temática do mar e o mundo mariño, que partirá do Colexio Amaro Refojo e pasará pola Praza do Concello ata chegar á Praza García Barbón. 

16:30 a 19:00 horas, a festa trasladarase á praia fluvial do río Támega, onde haberá inchables e animación musical patrocinados pola empresa verinesa de reparto Elogo Delivery.

19:30 horasconcerto infantil da man de Gramola Gominola, unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. 

23:00 a 2:30 horas: discoteca móbil Enjoy na Praza García Barbón.

Sábado 29

17:00 a 19:00, a troula continúa coa festa da espuma, que se celebrará na Praza García Barbón coa Discomóbil A Gramola. Este ano implementaranse dúas zonas de espuma diferenciadas, unha máis ampla para o público adulto e outra para o infantil.

19:00: desfile de batucadas, que sairá da mesma praza e percorrerá as rúas da Cruz, a Mercé, Laureano Peláez e Irmáns Moreno, onde, como novidade este ano, haberá unha batalla de batucadas. Participarán a Banda de Gaitas e as batucadas Latexo, Os Queimatasas e Bloquinho de Xérmolos.

23:30 a 2:30 horas: o broche final da festa correspóndelle a Discomóbil A Gramola, que actuará na Praza García Barbón.

Samanta Barreira explicou que "este ano decidimos non realizar o lanzamento masivo de auga durante a festa, por dous motivos moi importantes. O primeiro é que a auga é un ben escaso e vital, que debemos coidar e preservar. Estamos a vivir unha situación de seca e cambio climático que nos obriga a ser responsables e solidarios co medio ambiente e coas xeracións futuras. O segundo motivo é que a auga que se lanza á xente dende a motobomba é de uso potable, apta para o consumo humano. Non podemos malgastar un recurso tan valioso e necesario para a vida, cando coñecemos a actual problemática de abastecemento á que se enfrontan moitas poboacións".

Barreira tamén quixo agradecer á empresa Elogo Delivery a súa colaboración co Concello para facer posible, coa súa achega económica, a festa na praia fluvial do río Támega. A concelleira destacou "a importancia de xerar este tipo de sinerxias entre o tecido empresarial e a administración pública, que permiten ofrecer aos veciños e veciñas actividades de lecer e cultura de calidade e gratuítas".

 

NOTICIAS VERÍN | A festa da Batucada 2023 xa está aquí