sábado. 20.04.2024
Batucada na Praza García Barbón durante a primeira edición do VibraVerín. | FOTO: Iván Iglesias.

Esta fin de semana chega a segunda edición do Festival provincial de percusión VibraVerín, unha oportunidade única para gozar das músicas do mundo ao vivo. Logo do éxito da primeira edición, a organización do festival aposta por novas sorpresas e actividades que poñen de manifesto a espectacularidade da forma máis antiga de instrumentos musicais.

Do venres 19 ata o domingo 21 de maio, Verín acollerá a celebración do VibraVerín 2023, organizado polo Conservatorio de Música de Verín, a ANPA do Conservatorio e coa colaboración do Concello de Verín. Un festival aberto á participación de toda a veciñanza que amosará os diferentes estilos do amplo mundo da percusión.

Este ano, as músicas galega, africana, brasileira e clásica serán as protagonistas do VibraVerín. Actividades, obradoiros e concertos participativos que se desenvolverán en diferentes escenarios da vila. O Auditorio municipal, a Alameda e as prazas da Merced e García Barbón acollerán os ritmos dos golpeteos da percusión.

VibraVerín ofrece a oportunidade de participar nos obradoiros de percusión gratuítos e abertos a toda a veciñanza. O sábado terá lugar o Obradoiro de percusión tradicional galega, con Álvaro Rúa e a Banda de Gaitas Nova Era, na Alameda de Verín ás 18 horas. O domingo, Obradoiro de iniciación á Batucada con Andrés Rivero; na Alameda de Verín, ás 11 horas. Será necesario inscribirse a través do mail: [email protected]

Programación

Venres, 19 de maio, no Auditorio municipal de Verín ás 20 horas.
Concerto compartido de percusión. Actuación do alumnado dos conservatorios de Verín e Carballiño e das Escolas de Música de Cangas do Morrazo, Poio, Allariz e Xinzo de Limia. Como convidado especial, participará a Academia de Artes de Chaves.


Sábado, 20 de maio, Praza García Barbón.
13.30 horas: exhibición de percusión africana con Andrés Rivero.
19.30 horas: exhibición de Percusión Tradicional Galega con Álvaro Rúa e a Banda de Gaitas Nova Era.
20 horas: Odaiko Percussion Group, música, percusión e humor.
21 horas: Batucada Percúcar, comeza na Praza García Barbón e percorre as rúas do centro de Verín.
22:30 horas: Banda Bacana, música de baile latinoamericana con textos en galego.
00 horas: Disco Mono, cos Dj’s Andrés Mixós e Roberto K.

Domingo, 21 de maio, Praza da Merced.
13 horas: batucada brasileira con Andrés Rivero.

NOTICIAS VERÍN | VibraVerín, toda a programación para sentir os ritmos da percusión