jueves. 25.04.2024
Os nenos e nenas do María Inmaculada diante dunha das obras na rúa da Cruz.
Os nenos e nenas do María Inmaculada diante dunha das obras na rúa da Cruz. | FOTO: Cedida.

Máis de 40 nenos e nenas do Colexio María Inmaculada de Verín visitaron este mércores o percorrido expositivo ao aire libre: "Verín territorio Banksy". Esta visita enmárcase na semana cultural que está a celebrar devandito centro educativo en conmemoración do seu 75 aniversario e no que organizan diversas actividades formativas nas áreas de Ciencias, Letras e Artes.

"Verín territorio Banksy" conforma un percorrido dunha hora polas rúas de Verín, onde se rehabilitaron 25 espazos degradados coas obras máis representativas do artista internacional do graffiti. O roteiro, que está explicado en puntos de información distribuídos pola vila, conta con folletos explicativos e as obras están identificadas con códigos QR e placas interpretativas. As obras e os espazos do percorrido están deseñados dentro do proxecto de Interpretación Patrimonial “Verín territorio Banksy” do Concello de Verín, e a execución dos facsímiles das obras do autor internacional corren a cargo do artista local Álex Araújo.

As persoas interesadas en realizar este percorrido teñen á súa disposición o catálogo do mesmo na Oficina Municipal de Información Turística (rúa Irmáns La salle).

Quen é realmente Banksy?

Aínda que se descoñece a identidade de Banksy, existen varias conxecturas e candidatos internacionais á súa personalidade. Un deles é Jamie Hewlett, debuxante e autor do cómic Tank Girl, aínda que fontes do entorno de Banksy o negan. Outro candidato é Robert del Naja, líder da banda de trip hop Massive Attak, que foi grafiteiro nos 80.

Neil Buchanan, presentador dun programa de arte, é outro dos candidatos máis recentes, aínda que Robin Gunningham é quizais a hipótese máis común sobre a identidade de Banksy.

De ser así, tería nacido o 28 de xullo de 1973 en Yate, preto de Bristol. Os seus amigos da infancia e a presencia neste entorno das súas primeiras obras, corroboran esta versión.

NOTICIAS VERÍN | Alumnos e alumnas do Colexio María Inmaculada visitan o percorrido...