Xoves. 28.03.2024
Reunión na que se constituiu a comisión de seguimento na conca do Támega.
Reunión na que se constituiu a comisión de seguimento na conca do Támega.

Esta semana tivo lugar unha reunión na sede da Eurocidade Chaves-Verín (AECT) na que representantes do municipio de Chaves, do Concello de Verín, da Axencia Portuguesa de Ambiente e da Confederación Hidrográfica do Douro constituíron o Comité de Seguimento para a xestión e ordenación común da conca hidrográfica do Támega.

Na xuntanza estiveron presentes o vicepresidente da Axencia Portuguesa de Ambiente, Pimenta Machado; a presidenta da Confederación Hidrográfica, María Jesús Lafuente; a directora da Administración Hidrográfica do Norte, Inés Andrade; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; e o presidente da Cámara de Chaves, Nuno Vaz; entre outros representantes institucionais e técnicos.

A creacións desta comisión ten por obxectivo mellorar a xestión conxunta da conca hidrográfica do Támega e a calidade da auga do seu corredor ambiental. Composta polos representantes máximos e técnicos dos dous municipios e das dúas institucións con competencias en materia de xestión hidrográfica do Támega, propón lanzar as bases para unha xestión integrada do río Támega.

O seu cronograma, a metodoloxía de traballo e as áreas de actuación e os obxectivos a seren alcanzados xa quedaron definidos nesta reunión. A súa primeira tarefa é a elaboración dun diagnóstico e plano de acción da conca do río Támega, nas áreas que poidan afectar á xestión común, tales como a monitorización da auga, enerxía, ambiente e biodiversidade, sector agroalimentario e economía circular, rehabilitación do corredor ambiental e o seu usufruto pola poboación, entre outros.

Verín e Chaves impulsan un comité de recuperación integral da conca do Támega