jueves. 25.04.2024
rubial2
Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. | FOTO: Xosé Lois Colmenero (Arquivo).

A Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, dirixida por Félix Rubial, tivo a ben contestar ó escrito remitido dende a plataforma cidadá Pediatras en Verín xa hai 25 días no que solicitaban a inmediata cobertura das prazas de pediatría existentes no Centro de Saúde da vila. Unha reclamación apoiada coas sinaturas de 3.497 persoas que se oficializou na Oficina do Rexistro do Concello de Verín o pasado 20 de xaneiro. 

Case un mes despois, e casualmente logo da concurrida manifestación de protesta que se celebraba en Verín o pasado sábado, chega unha resposta na que non se plasma ningunha solución, sendo unha mera contestación administrativa formal que non achega nada novo. "Queremos dar resposta formal ao seu escrito de preocupación pola situación da atención pediátrica no Distrito Sanitario de Verín (...) e agradecemos se teñan dirixido a nós", reza a carta de resposta e continúa: "iso permítenos trasladarlles a información e as nosas actuacións".

Actuacións que veñen sendo as seguintes, e así o manifesta a carta remitida pola Xerencia Sanitaria: "Só dispoñemos dunha única praza cuberta das tres dispoñibles", prolongación da xornada da Dra. Rúa, "A Dra. Solé incorpórase no mes de maio", "Como medida transitoria ata entón, temos recuperado ao Dr. García Losada". Finalmente, inciden no seu bo facer dicindo: "Seguiremos traballando para conseguir a cobertura estable das prazas". É dicir, o SERGAS non ten previsto facer nada para solucionar a falta de atención ós nenos e nenas da comarca ata o mes de maio, como moi pronto.

O rescate do pediatra Juan Pablo García da súa xubilación non deixa de ser un parche que non vai a ningures, por moito que o loen dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense: "...nunha mostra de compromiso coa Sanidade Pública, renuncia temporalmente á súa xubilización para incorporarse ó Centro de Saúde de Verín". Quizáis o Dr. García debera poder gozar do seu ben merecido descanso e sería mellor contar con novos profesionais que se asenten na comarca para atender á cativada.

Pediatras - resposta dp manifestación 20230211 (2)
A plataforma cidadá Pediatras en Verín xa segue reclamando solucións definitivas.

A sobrecarga laboral á que se ve sometida a Dra. Rúa non é unha solución; a pediatra vese obrigada a prolongar a súa xornada mentres dende a Xerencia Sanitaria recoñecen que "sendo una única especialista, esta atención non se produce coa dilixencia que dispoñíamos con anterioridade; os casos urxentes e preferentes son atendidos de inmediato, tan só sofren a falta de inmediatez aquelas consultas programadas ou que poden agardar". De feito, as urxencias do Hospital de Verín sufriron varios colapsos durante as vacacións da pediatra. Entón, por que non se contratan novos profesionais?

A cobertura das novas prazas xa fóra anunciada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no pasado mes de setembro e ratificada coa aprobación da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura do Servizo Galego de Saúde. Lei que entrou en vigor o 15 de outubro do 2022 e que simplifica o proceso selectivo ó eliminar a fase de oposición e utilizar o mecanismo do concurso; é dicir, covocatoria de prazas e baremo de méritos. Catro meses despois da promulgación da lei "seguiremos traballando para a cobertura das prazas", confirman dende a Xerencia da ärea Sanitaria de Ourense.

NOTICIAS VERÍN | Rubial contesta á plataforma sen dar datas definitivas para a...