Xoves. 28.03.2024
Visitas coles Museo
O Museo de Verín permaneceu no Claustro dos Mercedrarios ó longo de cinco anos. | FOTO: Arquivo.

Foi no 2017 cando o Concello de Verín puña todo o seu empeño en dinamizar a vila culturalmente e convertela nun punto de referencia no territorio. Unha das iniciativas clave deste obxectivo foi a apertura do primeiro museo da vila; comezaba a andaina do Museo de Verín no Claustro Mercedario. Moitas foron as voces en contra do proxecto ó longo deste tempo; nembargantes, logo de cinco anos de funcionamento, as cifras de visitantes falan por si mesmas: 33.000 persoas percorreron as súas instalacións neste primeiro lustro de vida para deleitarse coas exposicións que acolleu.

Nado coa función de servir de tractor turístico e divulgador da comarca de Verín, e coa intención de ofrecer actividades culturais á veciñanza na súa propia terra sen ter que ir ás grandes urbes, ó longo deste tempo o Museo acolleu máis de 250 actividades; as diversas exposicións, mostras temáticas, cursos de divulgación ambiental e numerosos e variados eventos relacionados coa cultura do viño na Denominación de Orixe Monterrei foron capaces de atraer a tan elevado número de persoas ás súas instalacións. Un éxito que garante a longa vida que lle queda por diante ó Museo de Verín.

Ante estas cifras, e coa intención de ampliar a súa vocación de dinamizador cultural, o Museo de Verín aborda agora unha nova etapa de crecemento que comezará co traslado do espazo expositivo ó edificio dos antigos almacéns Recaredo Romero da vila. Un edificio simbólico en Verín, situado na Avenida Luis Espada, obra modernista referente do arquitecto Vázquez Gulías. Recupérase, diste xeito, o patrimonio arquitectónico da vila para darlle un uso público e cultural.

Interior de los Almacenes Recaredo Romero, obra del arquitecto Vázquez Gulías.
Interior dos antigos "Almacenes Recaredo Romero", obra do arquitecto Vázquez Gulías. | FOTO: Arquivo

Mentras se leva a cabo a renovación e preparación do edificio deseñado por Vázquez Gulías para adecuar os espazos ás necesidades expositivas, as instalacións do Claustro Mercedario permanecerán pechadas ó público xa que tamén se está traballando nunha ambiciosa ampliación e renovación das coleccións que ofrece o Museo de Verín, con novos elementos expositivos vinculados co patrimonio, co viño e cos atractivos da comarca de Monterrei.

A maior dispoñibilidade de espazos permitirá, ademáis, ampliar e diversificar os elementos divulgativos adicados á cultura do viño de Monterrei. En concreto, se contará coa antiga adega anexa ó novo museo, así como con dúas salas de exposicións novas ubicadas na primeira e segunda planta do edificio. O amplo espazo dispoñible permitirá ter espazos e equipamentos para a conservación e investigación e dar acollida a importantes fondos permanentes.

NOTICIAS VERÍN | Museo de Verín, un lustro de vida e 33.000 visitantes