Xoves. 28.03.2024
Traballos na instalación da luminaria.
Traballos na instalación da luminaria.

O Concello de Verín rematou a segunda fase de renovación da iluminación pública por luces LED, co consecuente aforro enerxético e a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Substituíronse 1.630 luminarias de 15 núcleos rurais da localidade (Tamaguelos Tamagos, Pazos, Queizás, Pazos, Mourazos, Mandín, Feces de Abaixo, Cabreiroá, A Rasela, Ábedes, Queirugás, Vilamaior, O Salgueiro e Caldeliñas).

Esta actuación conta cun investimento de 589.674,14 euros, cofinanciada nun 80% (471,739,31 euros) polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa para a Renovación da Iluminación Público Municipal do  IDAE, e o restante 20% (117.934,83 euros) por fondos municipais.

O alcalde, Gerardo Seoane, sinala que esta renovación non só é respetuosa co medio ambiente ou mellora a iluminación pública, tamén consegue unha gran diminución na factura eléctrica, "o que permitirá ao Concello destinar ese diñeiro aforrado a outros proxectos necesarios". As novas luminarias LED instaladas supoñen un importante aforro enerxético, xa que precisan menos da metade de potencia eléctrica para producir a mesma iluminación, co que se reduce o consumo eléctrico en máis da metade do actual.

A mellora permitirá que o Concello reduza en máis do 50% o consumo de enerxía eléctrica, así como a potencia necesaria nas instalacións municipais e, consecuentemente, na factura eléctrica. Ademais, logra unha maior eficiencia e vida útil das novas luminarias instaladas, axustando as horas de funcionamento ás necesidades reais. Isto repercutirá en que as plantas xeradoras de enerxía diminúan a súa emisión de dióxido de carbono.

Por último, a redución da contaminación lumínica obtida ao axustar os niveis de cada lámpada aos valores establecidos no regulamento, non só consegue que a zona se atope o suficientemente iluminada e uniforme para os peóns e condutores, logramos que tamén o ecosistema nocturno sexa o máis parecido ao seu estado natural.

Renovación en proceso

 

Antes desta recente substitución, o Concello realizou unha primeira quenda de renovación da iluminación pública por luces LED. En total substituíronse 2.154 luminarias de iluminación pública correspondentes ao centro urbano de Verín e aos  núcleos rurais de Tintores e Vilela. O investimento foi de 974.728,80 euros, cofinanciado nun 80% (779.783,10 euros) polo FEDER e o restante 20% (194.945,7 euros) por fondos municipais.

En total, as luminarias substituídas nas dúas fases suman 3.784 lámpadas.

NOTICIAS VERÍN | O Concello verinés renova 1.630 luminarias en 15 núcleos rurais