jueves. 18.04.2024
Cartel do 4º ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, patrimonios e sociedade.
Cartel do 4º ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, patrimonios e sociedade.

Verín acollerá a partir do vindeiro xoves tres días de proxeccións co 4º ciclo de cinema galego-portugués "Mulleres, patrimonios, sociedade", que contará con oito filmes que se poderán ver no Salón de Actos da Casa da Cultura. Neste ano, o ciclo céntrase no papel das mulleres no mundo da morte e da dor, que se ergue cunha forte carga patrimonial e social; un mundo que une a moitos territorios do rural galego e portugués con características comúns arredor do papel da muller, das crenzas ou dos ritos, pero tamén algunhas diverxencias. Isto poderase ver nas longametraxes e nas curtas participantes, entre as que se encontran os traballos de dúas verinesas.

O obxectivo deste ciclo de cinema galego-portugués é promover o intercambio cultural entre Galicia e Portugal. Nas xornadas do 27, 28 e 29 proxectaranse dúas longametraxes, unha portuguesa e outra galega; e tamén varias curtas. Despois do visionado haberá un debate no que se contará coa participación das directoras e directores, unha figura representativa dalgunha institución organizadora para conducilo e o público.

Os filmes que participan neste ciclo son "A menina que vía homes encadeados",  Alicia López; "Arraigadas á terra", de Iris Justo; "Santa Baia de Montes", de Sabela Souto; "Barbas de baleia", de Mariana Bártolo; "Agua mole", de Alexandra Ramires (Xá) e Laura Gonçalves; "Em companhia da morte", de Vanesa Vilaverde, João Aveledo e Eduardo Maragoto; "Mate", de Pedro Noites; e "Negro púrpura", de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva). Todas se poderán ver na Casa da Cultura os días de proxección ás 19:00 horas e a entrada será de balde, ata completar aforo (75 butacas).

A representación verinesa neste ciclo chegará da man de directoras Sabela Souto, co seu traballo "Santa Baia dos Montes", unha curtametraxe sobre esta localidade ubicada en Cualedro. A outra directora é Iris Justo, que leva a curta "Arraigadas á terra", na que se poñen en valor as vivencias das mulleres do rural na comarca.

Este ciclo conta coa implicación na súa organización do Consello da Cultura Galega, do Concello de Verín, a Universidade do Minho, o Centro de Estudos Galegos, o Instituto da Cooperação e da Língua e o Museo do Pobo Galegos a través da Mostra Internacional de Cine Etnográfico.

O programa completo pódese consultar aquí.

NOTICIAS VERÍN | Os filmes verineses collen forza no 4º ciclo de cinema galego-portugués