sábado. 20.04.2024
O secretario provincial do PSOE ourensán, Rafael Rodríguez Villarino, estivo na reunión que presidiu o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.
O secretario provincial do PSOE ourensán, Rafael Rodríguez Villarino, estivo na reunión que presidiu o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou esta fin de semana unha sesión ordinaria da Comisión Executiva Provincial. O encontro tivo lugar na sede comarcal do partido en Verín, onde se acordou convocar unha sesión ordinaria do Comité Provincial -máximo órgano socialista entre congresos- para o sábado 5 de novembro ás 10:30 horas, seguindo os prazos fixados polos estatutos, e farase na área metropolitana de capital ourensá.

Na reunión, as vindeiras eleccións de 2023 foron as protagonistas. Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do partido, asegurou que a comarca de Monterrei é "clave" para o socialismo, xa que "contamos con alcaldías históricas". Villarino sinalou que na bisbarra se está a traballar "moi ben" e que se conta con "grandes expectativas para as eleccións locais que terán lugar a finais de maio". Ademais, Rodríguez Villarino salientou os "bos candidatos e candidatas, alcaldes e alcaldesas” que “fan forte” ao PSdeG-PSOE nesta comarca e en toda a provincia.

O encontro en Verín serviu para valorar outras cuestións de índole política, social e orgánica, poñendo en valor o "importantísimo e avultado" número de veciños gobernados na actualidade polo PSOE na provincia. "É unha mostra evidente da forza do municipalismo do partido nun momento clave", afirmaron. Ese momento son os "importantísimos" comicios municipais do 2023, para os que xa se están preparando e para os que "sen dúbida algunha, se mellorarán os resultados acadados en 2019".

As previsións que manexan son "realmente optimistas" e queren lograr cambios no goberno provincial da Deputación e tamén en vilas medianas e pequenas. Nestes intres, o Partido Popular goberna a 92.773 persoas na provincia, fronte ás 90.233 do PSOE, sen contar aqueles concellos nos que cogobernan con outras forzas políticas.

A dirección provincial insistiu en que "debemos repetir con maior intensidade esta mensaxe, porque hai xente que aínda descoñece os excelentes resultados acadados polos socialistas nas anteriores eleccións municipais”. Por último, recalcaron que “o PSOE, no conxunto do Estado e especialmente en Galicia, é un partido no que a súa gran forza está nas bases e na veciñanza”.

NOTICIAS VERÍN | O PSOE conta con "grandes expectativas" para as eleccións de 2023 na...