sábado. 20.04.2024
Espazo acondicionado polo Concello de Verín en Feces de Abaixo.
Espazo acondicionado polo Concello de Verín en Feces de Abaixo.

O Concello de Verín acaba de rematar as obras de acondicionamento do espazo de lecer de Feces de Abaixo. A actuación tivo como finalidade a recuperación paisaxística deste punto, que se ubica na rúa da Lama S/N. As obras contaron cun investimento total de 11.751 euros para mellorar, dende o punto de vista ambiental, un espazo natural de ocio, esparcemento e lecer que estaba degradado.

As obras permitiron que o espazo de lecer se adecúe a unhas condicións mínimas de salubridade, accesibilidade e ornato paisaxístico acorde co ámbito natural no que se encontra. "Coa recuperación destes espazos de lecer buscamos mellorar a calidade de vida no rural, favorecendo a cohesión social e o encontro da vecindade mediante a utilización e mantemento de espazos libres que tradicionalmente xa foron empregados para tal fin", sinala o alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

O proxecto cofinanciouse ao 22,5% (1.982,98 euros) pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), tramitado polo GDR 9 Monteval do programa de desenvolvemento rural de Galicia, dentro do PDR de Galicia 2014-2020; un 75% (6.609,94 euros) procede do Feader e o 2,5%  restante, do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

NOTICIAS VERÍN | O Concello recupera o espazo para o lecer en Feces de Abaixo