miércoles. 24.04.2024
Alumnos do Chivite formando as siglas do programa Titoría Entre Iguais, no que participa o centro.
Alumnos do Chivite formando as siglas do programa Titoría Entre Iguais, no que participa o centro.

O IES Xesús Taboada Chivite de Verín participará durante dous anos nun proxecto común con catro centros de Badajoz, Sevilla, Madrid e Barcelona, no que haberá un intercambio entre o alumnado de cada un. A Secretaría do Estado de Educación, dependente do Ministerio de Educación, concedeu unha axuda para a agrupación destes cinco institutos, xunto a preto doutros 200 de toda España, para poñer en práctica proxectos comúns que busquen favorecer a educación inclusiva, basada no respeto e a aceptación das persoas, e a innovación educativa.

A idea que presentaron o Taboada Chivite, o Tartessos de Camas (Sevilla), o Albarregas de Mérida (Badajoz), o Joan Salvat de Papasseit (Barcelona) e o Gustavo Adolfo Bécquer de Algete (Madrid) chámase "Proyecto emocional de convivencia y bienestar escolar" e poderán levalo a cabo no presente curso e no próximo. "A idea naceu de que todos os centros cos que nos presentamos, traballan o programa de Titoría Entre Iguais (TEI), que nós desenvolvemos dende o curso 2016-17", explica César Sánchez, director do Chivite.

TEI é un programa de convivencia que busca previr a violencia e o acoso escolar que se basa na educación emocional, na creación de modelos e entornos saúdables e na psicoloxía positiva. Isto trabállase no proxecto conxunto que presentaron o Chivite e os outros catro centros que contarán co apoio do Ministerio de Educación para poñelo en marcha. "As liñas de actuación que imos seguir son a mediación escolar para a resolución de conflictos, a xestión das emocións, as prácticas restaurativas e a adecuación de espazos físicos dentro do centro que favorezan á convivencia", detalla Sánchez, quen é o coordinador do centro verinés xunto coa orientadora, Lucía Rúa.

A finais do curso pasado, o instituto verinés participou no congreso internacional de TEI que tivo lugar en Sada e alí expuxeron a forma na que teñen implementado o programa no Chivite. "Gustou moito e xuntámonos nun grupo de centros para presentar outro proxecto feito pola agrupación", recorda Sánchez. En Verín, apostan pola xestión das emocións e incluso a mediación escolar.

Neste ano, os coordinadores de cada centro terán unha reunión na Universidade Francisco de Vitoria de Madrid e logo comezará a mobilidade do alumnado. Os estudantes verineses visitarán o IES Gustavo Adolfo Bécquer de Algete, en Madrid, e os madrileños virán ata a vila para coñecer o Chivite. No vindeiro curso, alumnos e profesorado dos centros participantes neste proxecto irán ao Joan Salvat de Papasseit, en Barcelona, que é o centro coordinador. 

Agrupacións como na que participa o Xesús Taboada Chivite hai formadas sobre 50, compostas por uns 200 centros educativos de toda España que abordan temáticas diferentes. No caso de Galicia, só hai catro e dous deles son ourensáns. Estes son o Chivite e o Xesús Ferro Couselo de Ourense. "Realmente era difícil conseguir esta axuda, agora temos que levalo a cabo e traballalo moito mentres aprendemos", remata o director.

NOTICIAS VERÍN | O Chivite participa nun proxecto nacional de educación inclusiva