martes. 23.04.2024
Aylén, nos brazos da súa nai, foi unha das primeiras nenas en vacinarse contra a gripe na área sanitaria ourensá.
Aylén, nos brazos da súa nai, foi unha das primeiras nenas en vacinarse contra a gripe na área sanitaria ourensá.

A campaña de vacinación da gripe xa comezou e, neste ano, a novidade é a incorporación dun novo grupo de poboación diana. Eles son os nenos de 6 a 59 meses de idade, para os que se engade esta vacina no seu calendario por primeira vez en Galicia e en España

No conxunto da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, segundo os datos do Sergas, 6.317 nenos terán a posibilidade de recibir a vacina antigripal dende esta semana ata finais de ano, cando remate a campaña. Dependentes do servizo de Atención Primaria de Verín, 461 cativos da comarca de entre 6 e 59 meses poderán poñer esta nova vacina dispoñible para eles.

En paralelo á inoculación dos máis pequenos, os maiores son o outro colectivo ao que se está priorizando na vacinación antigripal. Os de máis de 85 anos xa teñen a posibilidade de poñela no mesmo día que acuda á cita para a cuarta dose da covid, igual que o poderán facer o resto de persoas entre os 60 e 84 anos cando se lles comece a citar

A campaña antigripal vai dirixida, especialmente, á poboación maior de 60 anos, cunha especial atención ós que superen os 65. Tamén se centra naquelas persoas que vivan en institucións pechadas, como son as residencias de maiores ou os centros para persoas con discapacidade.

Como poboación diana da campaña tamén se atopan os menores de 60 anos que poidan sufrir graves complicacións cunha infección da gripe e aquelas persoas que poidan contaxiar a outras de alto risco para a súa saúde, como poden ser os profesionais sanitarios, os de farmacia ou os de institucións xeriátricas, entre outros. Ademais, a campaña inclúe a traballadores esenciais e para aqueles que están expostos en granxas a aves ou porcos.

NOTICIAS VERÍN | A vacina da gripe chega a case 500 nenos da comarca por primeira vez