jueves. 25.04.2024
Alumnos do IES Xesús Taboada Chivite interpretando o musical Grease no 2017.
Alumnos do IES Xesús Taboada Chivite interpretando o musical Grease no 2017.

A pandemia paralizou toda a actividade cultural que se facía de forma presencial no IES Xasús Taboada Chivite de Verín, polo que buscaron alternativas. Na procura de darlle unha resposta á necesidade creativa que tiñan, decidiron reflexionar sobre os seus traballos previos e aí foi cando naceu o documental "Chivititeiros", dirixido por Sabela Domínguez Souto.

Este venres estrearase o filme no auditorio de Verín, ás 20:30 horas, no que se poderá ver un recopilatorio dos seis musicais que se fixeron dende o Chivite. Esta andadura musical comezou hai dez anos, cando David R. Rivada e Isabel Cota, coguionistas e profesores do centro, empezaron a introducir diferentes elementos nas súas clases ata acabar facendo unha gran lista de musicais interpretados polos seus estudantes. 

Los Miserables, Moulin Rouge, Mamma Mía!, Hoy no me puedo levantar, Grease ou La Bella y la bestia son os traballos que fixeron os alumnos do Chivite e todos eles recóllense no documental. La la land, nunha versión en galego, era o que se tiña que haber feito no 2020 e a pandemia non o permitiu, polo que agardan podelo estrear en 2023. Todo está listo e só precisan "poñer en marcha ó alumnado", como di Cota, para que estas presentacións culturais recobren a vida no Chivite.

 

Os musicais feitos no centro foron recoñecidos en Galicia e o centro conta con premios que o atestiguan, pero "quedámonos co impacto que ten no alumnado porque explotan a súa vea artística e aprenden a facer traballo colaborativo", apunta César Sánchez, director do instituto e produtor do documental. O galego é a peza fundamental destas interpretación, xa que traducen todas as cancións, moi famosas a nivel mundial, á nosa lingua. Isto fai dos musicais do Chivite algo especial e único, amosando dende outra perspectiva estes temas. 

Para crear este documental, contaron coa presenza dos alumnos que foron pasando polos musicais ao longo destes anos. Todos eles falan da súa experiencia no filme, mesturado con imaxes e música gravada polo coro para esta ocasión. Por todo isto non se pode perder esta cita, para a que se precisa dunha entrada gratuíta, que están dispoñibles para a súa retirada no IES Xesús Taboada Chivite en horario de mañá.

NOTICIAS VERÍN | O filme "Chivititeiros" verá a luz tras concibirse en plena pandemia