viernes. 19.04.2024
Concello de Verín. | FOTO: Iván Iglesias.
Concello de Verín. | FOTO: Iván Iglesias.

O Concello de Verín leva case seis meses sen interventor, dende a petición de traslado da última persoa que ocupou o posto o 31 de marzo. Isto provocou o retraso na avaliación dalgúns documentos como poden ser os orzamentos, aprobados hoxe para 2022, e dende o Concello esperan poñerlle solución en breve.

A falta de interventores é unha realidade, pero en Verín xúntase a dificultade engadida pola falta de acción tanto da Xunta como da Deputación, que ata en tres ocasións dixeron non a cederlle un de forma temporal. "Non nos envían a ninguén e decidimos convocar unha praza de interino á que se presentaron nove persoas para examinarse o día 28", explica o alcalde, Gerardo Seoane. Deste xeito, cubrirán ese posto cunha persoa coas competencias precisas para desenvolver as tarefas atribuídas.

"Ameazas" e coaccións por parte dos funcionarios

 

A aprobación dos presupostos deste ano retrasouse pola falta de interventor, amparada na negativa da Xunta e da Deputación para enviar unha persoa que os firmase, pero tamén polas trabas que impuxeron outras persoas. O alcalde pon de manifesto as "ameazas" que sufriu unha funcionaria á que se colocou como interventora "accidental", que se viu na obriga de firmar os orzamentos de "forma desfavorable", para evitar maiores complicacións e así puidesen saír adiante.

"Determinados funcionarios deste Concello están ameazando a outros con envialos ao xulgado", denuncia Seoane. Isto calou no mes de xuño, no que a persoa designada non quixo facer a tarefa, pero agora "non surtiron efecto" e o presuposto aprobouse. O alcade sinala directamente a Juan Manuel Jiménez, portavoz do PP en Verín, e á secretaria. "Son o tándem que temos en contra. Dedícanse a traballar por detrás, coaccionando á xente, para que este Concello non funcione", engade o rexedor.

NOTICIAS VERÍN | Nove persoas preséntanse para cubrir a praza de interventor interino