sábado. 20.04.2024
O lume de Verín do 3 de agosto deixou numerosos danos. | FOTO: Noelia Caseiro.
O lume de Verín do 3 de agosto deixou numerosos danos. | FOTO: Noelia Caseiro.

A proposta do PSdeG PSOE para implantar un servizo de prevención de incendios "único, profesional, formado e equipado" baixo un único mando do goberno galego foi rexeitada polo PP. Carmen Rodríguez, portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, lamentou esa negativa dado que considera que a Xunta debe facer "cambios de fondo na política forestal, agraria e medioambiental".

A socialista considera "moi grave" a resposta negativa a esta iniciativa "á vista do sucedido" este verán cos incendios forestais, nos que se queimaron máis de 44.000 hectáreas segundo os datos da Xunta, afectando a 4 dos 6 parques naturais de Galicia, e rexistrando os dous maiores lumes galegos dende que hai datos históricos. "É unha irresponsabilidade altísima do PP e do goberno galego", criticou Rodríguez ante este posicionamento en contra de tomar medidas.

Rodríguez tamén pon o foco na situación de "descontrol, desastre e colapso" que denuncian os propios efectivos. Isto vén dado -di- pola "falla de coordinación" no sistema de prevención de incendios que está baixo a responsabilidade da Xunta, que aprobou o Pladiga cunha "demora inxustificada". Rodríguez reivindicou un xiro na política forestal da Xunta “ante a insuficiente planificación e medidas preventivas, atacando as causas estruturais dos lumes forestais”.

A socialista citicou a situación de “falla de medios humanos e materiais” para atallar a vaga de incendios e reclamou a “reformulación das brigadas municipais, contratadas de forma temporal, sen formación suficiente, sen xefes de brigada nin peóns suficientes e cunha coordinación deficiente por parte da Xunta”. Ademais, fíxose eco “precariedade extrema” do persoal da Xunta, con brigadas “incompletas asumindo xornadas de máis de 12 horas” durante uns “absolutamente insuficientes” seis meses ao ano.

A parlamentaria levou ao Parlamento as peticións das organizacións sindicais, que reclaman a ampliación das funcións asociadas ao persoal, superando a limitación ao servizo de incendios forestais para incluír a súa competencia “dentro dun servizo de emerxencia no rural que permita a súa mobilización para calquera continxencia”.

NOTICIAS VERÍN | O PSdeG esixe un servizo de prevención de lumes "único e profesional"