miércoles. 17.04.2024
Reunión da Comisión Executiva Provincial do PSdeG de Ourense que tivo lugar en Barbadás.
Reunión da Comisión Executiva Provincial do PSdeG de Ourense que tivo lugar en Barbadás.

Coincidindo co inicio dun novo curso político marcado polas vindeiras elección municipais e xerais, o PSdeG-PSOE de Ourense celebrou a súa Comisión Executiva Provincial en Barbadás. Despois deste encontro, os socialistas fixáronse como obxectivo "desbloquear" a provincia, rematar con anos de "desleixo e abandono" e propiciar o "cambio" para que Ourense teña "por fin o futuro que merece".

A Executiva Provincial aposta por celebrar as súas comisións en diferentes puntos da provincia e, nesta ocasión, decantáronse por Barbadás. "É un dos faros da provincia, un lugar no que hai esperanza, vida e futuro e no que o PSOE demostrou que é capaz de mudar o sino dun municipio que durante anos estivo sumido en dinámicas nada positivas da man do Partido Popular", sinalan os socialistas sobre este concello.

O alcalde de Barbadás e secretario de economía da Executiva Provincial, Xosé Carlos Valcárcel, apuntou que "é o momento de arrancar e darlle un novo pulo ao partido, tal e como se pretende tamén dende as direccións nacionais e federal, co obxectivo de recuperar folgos e achegar á veciñanza as políticas de progreso e proximidade que se están realizando".

Valcarcel aproveitou a ocasión para facer fincapé na finalidade da Executiva Provincial, que "é pór en marcha a maquinaria política a efectos de manter esa proximidade coa veciñanza e co obxectivo claro de manter e medrar en votos, acadar a alcaldía da capital e continuar e incrementar as que hai no ámbito rural e que son o exemplo do bo facer do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense".

Ourense está afastada de todas as posibilidades de desenvolvemento, tras anos dun goberno provincial que ten demostrado a súa incapacidade de mudar as cousas (Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSOE)

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, resaltou que o partido "está facendo a nivel de Estado un dos maiores investimentos na provincia". Sobre ela,  o líder dos socialistas ourensáns destacou que "está afastada de todas as posibilidades de desenvolvemento, tras anos dun goberno provincial que ten demostrado a súa incapacidade de mudar as cousas".

Nesta liña salientou que "o PP ten pasado, pero carece de presente e moito menos ten futuro, namentres que o PSOE sucédelle ao revés, é un partido de presente e futuro, con moito talento e potencial e que vai rachar co bloqueo nas próximas eleccións". Ademais, Rodríguez Villarino lanzou unha mensaxe de "esperanza" á cidadanía porque o PSOE de Ourense "conta con persoas competentes e capacidade para traballar, e proba delo é esta Executiva Provincial, na que están persoas que demostran a diario a súa valía".

NOTICIAS VERÍN | "Desbloquear" a provincia, obxectivo do PSOE neste novo curso político