viernes. 19.04.2024
Figura de San Juan Bautista de La Salle que se instalará este domingo na igrexia parroquial de Verín.
Figura de San Juan Bautista de La Salle que se instalará este domingo na igrexia parroquial de Verín.

A Asociación Amigos de La Salle, composta por exalumnos e familiares do antigo centro educativo verinés, retomarán as súas xuntanzas despois do inicio da pandemia. Este domingo volverán a reunirse para honrar ó fundador do colexio San José dos Irmáns La Salle, que se ubicaba na actual Biblioteca Municipal. A figura de San Juan Bautista de La Salle, patrono dos mestres cristiáns e creador dos Irmáns das Escolas Cristiás, terá un oco na igrexa de Verín.

No 2019, o párroco da vila, Don Óscar, propuxo a idea de entronizar unha imaxe de San Juan Bautista de La Salle na parroquia nun econtro que tiveron na asociación. "Aceptámolo con toda a vontade e o cariño", apunta Gerardo Fernández, membro da comisión directiva de Amigos de La Salle.

Despois de moitos retrasos por culpa da pandemia, este domingo a figura entronizarase na igrexa de Verín como un xeito de "perpetuar o labor tan beneficioso que o colexio San José, mediante o seu fundador, foi para o pobo de Verín". Ás 12:00 horas terán unha misa solemne co acto no que a estatua quedará instalada no templo, posteriormente, os membros da asociación reuniranse para desfrutar dun xantar no que seguro lembrarán os seus tempos de estudo en La Salle. "Será unha xuntanza de agradecemento por todo o que fixeron cos poucos recursos que tiñan naquel momento", engade Fernández.

Todo isto será posible grazas ás aportacións económicas, especialmente dos exalumnos, que axudaron para pagar a figura. "Abrimos as aportacións a todos os que quixeran, pondo o que puideron xa fosen 25, 50 ou 200 euros. O 90% do diñeiro son de exalumnos, pero tamén colaboraron familiares e ata profesores de La Salle", explica Fernández. Neste encontro do domingo, algúns docentes do centro de Santiago xa confirmaron a súa asistencia a este acto en homenaxe a San Juan Bautista de La Salle.

Durante máis de 70 anos, ata que marcharon no 1968, o colexio San José dos Irmáns La Salle foi un referencia para moitos cativos e nel tiveron a oportunidade de instruirse non só a nivel educativo, tamén en valores.

NOTICIAS VERÍN | Exalumnos do colexio La Salle honran ó seu fundador cunha escultura