Venres. 29.03.2024
A actividade "Entroidos: outras miradas" do FIC tivo un representación en directo.
A actividade "Entroidos: outras miradas" do FIC.

O Entroido, algo tan propio da comarca, tivo o seu espazo no Festival Internacional de Curtas de Verín, o FIC Vía XIV. Sendo un ano máis un dos piares do evento, nesta actividade paralela titulada "Entroido, outras miradas", os asistentes tiveron a oportunidade de ver como é esta celebración en diversos países do mundo.

Dentro desta acción proxectouse unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor é o Entroido, dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións arredor desta celebración. As pezas que se puideron ver representaban a diferentes entroidos do mundo, co obxectivo de comprobar como dialogan estas tradicións en lugares tan diversos.

Unha das curtas proxectadas foi "Nan Lakou Karnaval", de Kaveh Nabatian (2014) na que se coñeceu o entroido haitiano a través de viaxe feita por unha muller nova. Anxos da morte e grupos de homes cubertos de xarope negro enfróntanse a un xigante con ollos de lume, ao ritmo da música ‘rara’ e ‘rabòday’ haitiana.

Outra das proxeccións foi "Passaia", de Grossmann (2021), na que o público se mergullou nun mundo moi afastado, onde a mitoloxía vasca se tece en paisaxes atemporais. Os costumes e as crenzas conflúen nun ritual ancestral. O último proxecto extranxeiro visto foi "Malanka", de Paul-Louis e Pascal Meddaoudi (2018), que se traslada a algún lugar nos outeiros de Ucarína, preto da fronteira con Rumanía, para coñecer a Malanka, unha festa pagá na que os osos son os heroes.

A sesión de proxección rematou coa curta máis esperada, a de "Peliqueiros", do Equipo Lupa, que se filmou nos anos 70 en Laza. A filmación do entroido ourensán mantense coma un motivo case que constante nas distintas iniciativas cinematográficas da década, mais será a visita do grupo Lupa ao entroido de Laza e os seus célebres peliqueiros a que de comezo ao rexistro desta singular festividade. Euloxio Ruibal, o seu director, participou na actividade no Auditorio de Verín.

"Entroido, outras miradas" rematou coa posta escena "Carrilano KaoS" de Álvaro Rúa, con Gaita en DÓ e con técnicas extendidas, na que colaboraron o Fulión de Mormentelos e Kotodama Teatro. Este proxecto artístico está construído a través das técnicas estendidas para gaita galega que centra o discurso da obra no entroido e no sentido esconxurador dos ritos que se celebran no mesmo.

O son, a ambientación e a iluminación desta interpretación foron coidadas ao máximo. Un total de 10 actores profesionais acompañaron a Álvaro Isaac Rúa sobre o escenario nesta orixinal peza creativa,

NOTICIAS VERÍN | O FIC viaxa a través dos entroidos de diferentes partes do mundo