lunes. 20.07.2026
O festival comeza esta tarde con obradoiros e concertos

NOTICIAS VERÍN | A cultura urbana reina na vila coa cuarta edición do Extruga na Rúa

Programación do Extruga na Rúa que comeza hoxe en Verín.
Programación do Extruga na Rúa que comeza hoxe en Verín.

Dende hoxe e ata o domingo, Verín ten unha cita coa cultura urbana na cuarta edición do festival Extruga na Rúa. Deporte, música e arte mestúranse neste evento que este ano se instala na zona verde situada na contorna da Preguiza. A Asociación Cultural Lumiños e o Concello están detrás desta iniciativa que contará con diversas actividades, todas de balde.

 

Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro de Mocidade, agradeceulle á asociación todo o "esforzo e dedicación que realizan en prol da cultura urbana, ofrecendo ao noso público máis mozo unha alternativa cultural de primeiro nivel". Lourenzo tamén reoñoceu a promoción do galego neste festival, que cambiou o seu nome de Extruga Street a Extruga na Rúa nesta edición.

 

As xornadas de hoxe e mañá centraranse no escenario musical con actuación de artistas consolidados no panorama nacional e outros emerxentes locais do mundo urbano. Os asistentes tamén disporán dunha zona de acampada grauíta, mercadiño e camións de comida -foodtrucks-.

 

Algúns dos artistas que se diexarán ver pola Preguiza son a rapeira recoñecida a nivel nacional Santa Salut, o grupo galego de rap Rebeliom do Inframundo e, por segunda edición consecutiva, Dakidarría volverá a presentarse no Extruga. Outros músicos como Zeltia Irevire, Brais Ninguén, O Pirata, La Pepa, Insideoftheboli e Dankhe, tamén participarán no evento que conta cun cartel variado e con diferentes alternativas musicais.

 

 

O domingo será unha xornada destinada ao eido deportivo na que haberá unha xuntanza de bmx e scooter no Skate Park de Verín. As probas contarán cunha dotación en premios por cada exhibición.

 

Hoxe e mañá, o Extruga terá ocos para o deporte na Preguiza con varios obradoiros impartidos polo grupo compostelán “Vella Escola” como street football, pinta camisetas e iniciación ao break dance. Os asistentes terán a posiiblidade de participar nun taller de “Iniciación ao hip hop” impartido por Paula López e nunha performance musical dirixida polo verinés Santiago Cañaveral.

 

Esta tarde celebrarase unha das actividades máis destacadas do festival, a tradicional "Batalla de Gallos" con vista á pre-rexional Freedom Fighters de Asturias e a Liga Xunta de Galicia de Break.

 

PROGRACIÓN E HORARIOS

 

Venres 26 de agosto na Preguiza

 

  • 16:30 horas: Obradoiro de street fútbol.
  • 17:00 a 21:00 horas: Batalla de Gallos.
  • 18:00 horas: Obradoiro de pintura de camisetas.
  • 21:00 horas: Actuación de Insideoftheboli.
  • 21:25 horas: Actuación de Dankhe.
  • 21:50 horas: Actuación de La Pepa.
  • 22:30 horas: Actuación de O Pirata.
  • 23:00 horas: Final da Batalla de Gallos.
  • 23:45 horas: Concerto de Rebeliom do Inframundo.
  • 01:30 horas: Concerto de Santa Salut.

 

Sábado 27 de agosto na Preguiza

  • 16:30 horas: Obradoiro de break dance.
  • 17:00 horas: Obradoiro Street futbol.
  • 17:30 horas: Obradoiro de baile moderno.
  • 18:00 a 21:30 horas: Xunta da liga de break.
  • 21:45 horas: Kotodama teatro.
  • 22:30 horas: Cocnerto de Brais Ninguén.
  • 23:45 horas: Concerto de Zeltia Irevire.
  • 01:15 horas: Concerto de Dakidarría.

 

Domingo 28 de agosto no Skate Park

 

  • 16:00 a 16:45 horas:  Exhibición de bmx.
  • 17:00 a 17:45 horas: Exhibición de scooter.
  • 18:00 a 18:45 horas: Final de bmx.
  • 19:00 a 19:45 horas:  Final de scooter.
  • 20:15 a 20:45 horas: Best trick.
  • 21:00 horas:  Entrega de premios.

 

NOTICIAS VERÍN | A cultura urbana reina na vila coa cuarta edición do Extruga na Rúa