sábado. 20.04.2024
A répica dunha obra de Bansky que xa se pode ver en Verín.
A réplica dunha obra de Bansky que xa se pode ver en Verín.

O famoso artista urbano a nivel internacional, Banksy, desembarcou en Verín cunha das súas pintadas máis emblemáticas: “Naked man” ou “Home nú pendoirado da fiestra”. A obra forma parte da mostra ao aire libre “Verín, territorio Banksy”, que recuperará, cun percorrido pola súa obra, muros e paredes degradados da vila do Támega.

Nesta iniciativa contarase con obras icónicas do prolífico autor, que teñen ido aparecendo no Reino Unido, Gaza ou París, principalmente no que vai de século.  Con finalidade pedagóxica e divulgativa, a selección conformará un percorrido turístico dentro do casco urbano de Verín, con secuencialidade e información pedagóxica.
 

As obras e os espazos do percorrido están deseñados dentro do proxecto de Interpretación Patrimonial  “Verín territorio Banksy” do Concello de Verín, e a execución dos facsímiles das obras do autor internacional corren a cargo do artista local Álex Araújo.

O Concello agarda que sexa un atractivo cultural que, debidamente promocionado, conforme un circuito turístico dentro do casco urbano de Verín. “Sería un final espectacular”, sinalan desde o Concello, “que o propio Banksy rematarse por interesarse na vila e deixase unha das súas obras en Verín”.

NOTICIAS VERÍN | A obra de Banksy embelece os espazos degradados da vila