sábado. 20.04.2024
Os nenos de Femuro Verán visitaron esta mañá o Mercadiño Solidario.
Os nenos de Femuro Verán visitaron esta mañá o Mercadiño Solidario.

Femuro aposta de novo por unha das súas iniciativas solidarias que cada ano conta con maior participación. Hoxe abriron por terceira vez consecutiva o seu Mercadiño Solidario no que, a través de prezos "simbólicos", teñen á venda obxectos que foron doados polos veciños da comarca.

O Mercadiño Solidario abrirá esta semana de luns a sábado, con horario de 9:30 a 14:30 horas, nun local situado na avenida de Sousas número 37. Ante a boa acollida dos dous anos anteriores, desde Femuro non descartan mantelo aberto na segunda semana de agosto. "Esta iniciativa comezou no 2020 para incentivar a solidariedade, cunha actividade pequeniña que foi crecendo gazas ás doazóns da veciñanza", explica Yolanda Arias, educadora social en Femuro.

Durante o mes de xullo contaron cun punto para a entrega de obxectos, que agora son os que están á venda desde 1 ata 15 euros. "O custo é simbólico. Todo está baratiño para que a xente poida mercar e colabore", sinala Arias. Ese diñeiro empregarano en Femuro para financiar os seus proxectos e actividades sociais coas mulleres e familias que forman parte da entidade.

O Mercadiño naceu para incentivar a solidariedade, con algo pequeniño que foi crecendo grazas á veciñanza (Yolanda Arias, traballadora de Femuro)

No Mercadiño Solidario pódese atopar de todo, xa que teñen libros, artesanía, xoias de fantasía, xoguetes ou obxectos de decoración, entre outros. "Desde a primeira edición xa recibimos moitas doazóns, que cada vez van a máis, e moitos establecementos da comarca tamén colaboran con nós. A participación é moi boa tanto coa xente que entrega os obxectos como aquela que os merca", recoñece Arias.

Esta iniciativa non se centra só no apoio económico que Femuro pode conseguir. O Mercadiño Solidario quere amosar a importancia da xenerosidade e o "valor engadido que iso lle da á vila". Na súa organización contan con voluntarios, especialmente mulleres de Femuro, e empresas que colaboran para que todo saia ben. "Notamos moita participación que vai máis alá do valor económico. É algo co que se beneficia moita máis xente, non só as nosas usuarias", indica Arias.

Nesta mañá, os nenos de Femuro Verán visitaron o local onde están os obxectos á venda. Para facelos aínda máis partícipes, xa que a súa pegada está presente no establecemento, conseguirán puntos por bo comportamento que se transformarán en euros para que merquen no Mercadiño Solidario unha vez que remate. "É unha motivación para eles e así todos participamos na iniciativa", destaca Arias. 

Nun compromiso co medioambiente, o Mercadiño Solidario tamén lle unha "segunda vida" a eses obxectos que xa non se empregaban e que xa non eran útiles. 

NOTICIAS VERÍN | A xenerosidade da vila reabre o Mercadiño Solidario de Femuro