sábado. 27.07.2024
A ocnselleira de Promoción de Emprego e Igualdade inaugurou o primeiro polo de emprendemento en Verín o pasado mes de xullo.
A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade inaugurou o primeiro polo de emprendemento en Verín.

O primeiro Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego dos 12 que se prevén poñer en marcha en Galicia inaugurouse en Verín. A conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou as novas instalacións, ubicadas no Centro de Cooperación do Polígono Industrial de Pazos (Verín), e no que busca fomentar a iniciativa empresarial, dinamizar o mercado do traballo e fixar emprego segundo as demandas dos diferentes territorios.

En total, neste ano poranse en funcionamento cinco destes polos que contaron cun orzamento de 12 millóns de euros. Lorenzana destacou en Verín que a iniciativa vai permitir "casar a xestión de búsqueda de emprego coa realidade social e xeográfica de Galicia". Os polos repartiranse por comarcas para "dinamizar o mercado de traballo procurando interacción entre ámbitos rurais e urbanos. É unha realidade que está vinculada tamén coa fixación de poboación", resaltou.

Este modelo quere establecerse como unha plataforma "eficaz" de dinamismo laboral, polo que entre outro dos seus obxectivos está o de crear emprego de calidade a través de fórmulas de emprendemento, lograr unha efectiva igualdade de xénero ou modernizar o ecosistema emprendedor. "Uniremos recursos e impulsaremos proxectos innovadores que fomenten a inserción laboral e o emprego de calidade", destacou a conselleira.

Algúns dos servizos que ofertarán son os de información sobre oportunidades de emprendemento, asesoramento personalizado para cada territorio, espazos de traballo temporal e de conexións laborais, captación de inversión ou financiamento, orientación e recursos físicos como o espazo inaugurado en Verín.

Os usuarios terán a oportunidade de acceder a convocatorias de axudas por un prazo de dous anos. Deste xeito, contarán con apoio para consolidar a inversión e xerar postos de traballo. Nos polos tamén contarán con apoio de técnicos e con cales de colaboración cos campus das tres universidades galegas, no caso de Verín sería co de Ourense da Universidade de Vigo.

A Xunta inaugura en Verín un punto de apoio para emprendedores, o primeiro da súa rede