jueves. 18.04.2024
Nenos da última edición do campamento no Invenadeiro en 2017.
Nenos da última edición do campamento no Invenadeiro en 2017.

O Concello de Verín aposta por facilitar a conciliación familiar con ofertas de lecer e tempo libre para nenos e rapaces neste verán. Baixo ese obxectivo, a Oficina Municipal de Información Xuvenil da área de Mocidade recupera o campamento no albergue do Parque Natural do Invernadeiro, cinco anos despois da última vez que se organizou.

Diego Lourenzo, concelleiro de Mocidade e tenente de alcalde, califica ao Invernadeiro como o emprazamento "idóneo" para levar a cabo este campamento pola súa infraestructura e polas opcións de rutas de sendeirismo. "Creemos que este parque natural é un lugar idóneo para que os rapaces e rapazas deste concello reciban unha educación medioambiental e ecolóxica, ensinándolles a respectar e conservar a natureza por medio do xogo e a diversión", asegura.

A concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez, explica os obxectivos fundamentais desta iniciativa que busca "fomentar a educación medio ambiental entre os menores inculcándolles o coidado e respecto á natureza e potenciar a convivencia entre eles".

Os participantes deberán ter entre 10 e 14 anos -nados entre os anos 2008 e 2012- e poden inscribirse desde hoxe. O lugar para facelo é a Oficina Municipal de Información Xuvenil en horario de 8:30 a 14:30 horas. As 50 prazas dispoñibles cubriranse por orde de solicitude e pago. O campamento custará 165 euros para empadroados en Verín e 195 para os que non.

O campamento inclúe a manutención completa dos rapaces, o material necesario para participar nas actividades, o equipo de profesionais de animación sociocultural, as actividades de tempo libre, recreativas, formativas e de convivencia, as rutas de sendeirismo polo parque guiadas polos biólogos, seguro de responsabilidade civil e accidentes e, por último, a atención sanitaria se fose necesaria.

Campamento de 2017 no Invernadeiro.
Campamento de 2017 no Invernadeiro.

NOTICIAS VERÍN | A rapazada de Verín volve de campamento ó parque do Invernadeiro