miércoles. 09.10.2024
O responsable de Conservación de Estradas da Gudiña, Jesús Vivel, explicoulle a José Miñones o funcionamento dunha quitaneves esta mañá. | VÍDEO: M. Ceballos / Iván Iglesias

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou esta mañá no Centro de Conservación da Gudiña o Plan Invernal de Estradas para esta campaña. Un plan que ten por obxectivo "dotar de seguridade ás estradas e facer a condución máis cómoda ante posibles condicións meteorolóxicas adversas", dixo.

0E2BC7C3-0A96-4357-BF65-E626CB02F761

O delegado destacou o importante despregamento de medios humanos e técnicos para a tempada que se estenderá ata o vindeiro mes de abril. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana xa dispón de 100 camións quitaneves -23 en Ourense- máis de tres millóns de litros de salmoira -110.000 na nosa provincia- e máis de 20 mil toneladas de sal para toda Galicia -6.000 para Ourense-. O persoal especializado ascende este ano a 348 persoas -186 condutores de máquina quitaneves, 42 encargados e técnicos e 120 operarios-. A eles sumaranse, de ser preciso, os 900 axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e persoal da DXT ou mesmo da UME.

En concreto, o Centro de Conservación da Gudiña, que alberga os medios que dan servizo á parte leste da provincia así como á vertente galega do porto da Canda, disporá de 9 camións quitaneves -3 aptos para a distribución de salmoira-, 3.150 toneladas de sal en almacén e outros tres silos, distribuídos nas estradas da zona con capacidades entre 100 e 60 toneladas. Do mesmo xeito, conta cunha planta de salmoira que pode acoller ata 60 toneladas nun depósito e cunha provisión de 150 toneladas en Verín.

ECDA4E2F-A3DE-4B62-9F1A-FA0533472D58

Como novidade, destacou o incremento da colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía. "Queremos aproveitar os avances tecnolóxicos e dispoñer de datos en tempo real que nos permitan prepararnos e adaptar os medios a cada cambio que se produza nun episodio de neves ou nun temporal", explicou o delegado, quen tamén apelou á prudencia dos condutores galegos para prestar atención ás condicións dos vehículos e adaptar a súa condución ao clima propio do inverno e ao estado das vías.

No acto tamén participaron o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González: o alcalde da Gudiña, José María Lago; o xefe da Demarcación do Estado en Galicia, Ángel del Río; o responsable do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, o tenente Juan Carlos Nogueiras; o comandante Leovigildo Villares, do sector de Tráfico da Coruña, e o xefe de Destacamento de Verín, o sarxento Roberto Taboada.

NOTICIAS VERÍN | Nove quitaneves e máis de 3.000 toneladas de sal para o mantemento das...