jueves. 25.04.2024
Curso de socorrismo acuático.
Curso de socorrismo acuático.

O Concello de Verín pon en marcha dous novos cursos AFD -Accións Formativas para Persoas Desempregadas-, de xeito gratuíto e orientados a persoas que carezan dun posto de traballo. Trátase de dúas modalidades -socorrismo en instalacións acuáticas e atención sociosanitaria- coas que os alumnos poderán conseguir o certificado de profesionalidade 2.

"Estes cursos responden ás necesidades da zona. Están destinados a sectores importantes para a comarca, como son o coidado dos maiores e a titulación de socorrismo que tanto escasea nestes últimos tempos na zona", afirma a concelleira de Persoal, Rosario Rodríguez.

O principal requisito para poder acceder a unha das 15 prazas -por cada un dos cursos, 30 en total- é estar en posesión do título da ESO -ou equivalente- e estar inscrito como demandante de emprego na oficina correspondente. Para solicitar a praza, os interesados deberán acudir ao segundo andar da Casa do Concello cos documentos descritos anteriormente en regra.

Curso de atención sociosanitaria.Curso de atención sociosanitaria.

Características dos cursos

"Verín é unha das poucas localidades que ten o curso homologado para poder impartir coñecementos de socorrismo", engade a concelleira de Persoal. Por esta razón, o certificado que recibe o alumno ao finalizar as 370 horas de formación é un "carné de socorrismo para calquera tipo de instalación acuática", incide. Dará comezo o vindeiro 2 de novembro e será impartido na aula 1 da Casa da Xuventude, en horario de mañá -de 9 a 14h- ata o 11 de marzo.

No tocante ao curso sobre atención sociosanitaria, dará comezo o mesmo día, 2 de novembro, no mesmo lugar, en horario de tarde -de 16 a 21h- ata o vindeiro 29 de marzo. Neste caso trátase dun curso de 468 horas de duración.

NOTICIAS VERÍN | O Concello formará aos socorristas do vindeiro verán