domingo. 13.10.2024
Os alumnos do novo Obradoiro da Mancomunidade cos seus formadores, o delegado Gabriel Alén e varios alcaldes da comarca.
Os alumnos do novo Obradoiro da Mancomunidade cos seus formadores, o delegado Gabriel Alén e varios alcaldes da comarca.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá o Centro de Formación, onde se empraza o Obradoiro de Emprego dirixido a menores de 30 anos. Fíxoo acompañado polo presidente da Mancomunidade de Verín, José Luís Suárez; a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino; o alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso e o rexedor de Laza, Moncho Barreal.

Este Obradoiro, no marco do Programa de Emprego ‘Mocidade da Mancomunidade de Verín VI’, no que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste preto de 370.000 euros (cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo), formará a 8 alumnos no módulo de froitocultura e 8 no de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Os concellos beneficiarios son Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós. 

O delegado territorial explicou que os obradoiros dirixidos a menores de 30 anos son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral. "O obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas para minimizar os efectos da crise sanitaria", afirmou Alén.

Gabriel Alén destacou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación. O delegado da Xunta felicitou aos participantes “porque teredes a oportunidade de formarvos durante meses e de traballar para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar esta formación para poder atopar un emprego”.

Lugares de traballo

Os participantes no módulo de froitocultura desenvolverán as súas tarefas na finca de ensaios de viña e cultivos asociados do Centro Agra Gandeiro do Inorde en Monterrei; os participantes no módulo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais farán prácticas na residencia de maiores de Cualedro e na Residencia Irmanciños dos Anciáns Desamparados de Verín.

Outros obradoiros na provincia

O representante do Goberno autonómico sinalou que na provincia de Ourense a Xunta de Galicia tamén investiu 369.000 euros noutro Obradoiro de Emprego de garantía xuvenil, neste caso o pertencente á Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense, o obradoiro de emprego xuvenil "Manco Xove V", que formará a 9 alumnos – traballadores nos módulos de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas-, e a 7 no de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Os concellos beneficiarios son Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo.

O delegado territorial aclarou que os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, polas mancomunidades de concellos e polas entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

Os Obradoiros están destinados a persoas inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e terán unha duración de 12 meses.

NOTICIAS VERÍN | Comeza un novo Obradoiro que empregará a 16 mozos da comarca