O Concello de Verín vén de rematar a primeira fase de renovación da iluminación pública por luces LED co consecuente aforro e eficiencia enerxética, así como a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. En total, substituíronse 2.154 luminarias de iluminación pública correspondentes ao centro urbano de Verín e aos núcleos rurais de Tintores e Vilela. Esta actuación, que supuxo un investimento de 974.728,80 euros, foi cofinanciada nun 80 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa para a Renovación da Iluminación Público Municipal do IDAE, e no restante 20 por cento por fondos municipais.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, explicou que "coa substitución das luminarias, ademais de renovar o sistema actual sendo máis respectuosos co medio ambiente e de mellorar a iluminación municipal, conseguiremos un gran diminución na factura eléctrica, o que nos permitirá destinar ese diñeiro aforrado a outros proxectos".
Con esta actuación, o Concello de Verin consegue reducir nun 61,3 por cento o consumo de enerxía eléctrica, así como a potencia necesaria nun 61,4 por cento nas instalacións municipais, e consecuentemente na factura eléctrica. Adicionalmente, logra tamén unha maior eficiencia e maior vida útil das novas luminarias instaladas axustando as horas de funcionamento ás necesidades reais.
Tamén, coa redución do consumo de enerxía conséguese que as plantas xeradoras de enerxía diminúan a súa emisión de dióxido de carbono, axudando así́ a cumprir coas regulacións e directivas ambientais nacionais e internacionais, como o protocolo de Kyoto.
Outro punto a destacar é a redución da contaminación lumínica obtida axustando os niveis de cada lámpada aos valores establecidos no regulamento. "Non só conseguimos que a zona se atope o suficientemente iluminada e uniforme para os peóns e condutores, senón que tamén logramos que o ecosistema nocturno sexa o máis parecido ao seu estado natural, permitindo visualizar as estrelas, e que se cumpra o ciclo de crecemento natural das plantas e algúns animais".
Segunda fase do plan de renovación
Nestes momentos, o Concello de Verín xa se atopa executando a segunda fase do plan de renovación de luminarias, coa que se substituirán un total de 1.630 luminarias de iluminación pública existentes por lámpadas led no resto de núcleos rurais do municipio.
Ao igual que na primeira fase, esta actuación -que suporá un investimento total de 589.674,14 euros- estará cofinanciada nun 80 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa para a Renovación da Iluminación Público Municipal do IDAE, e no restante 20 por cento por fondos municipais.