martes 30/11/21

O Museo de Verín reabre este xoves as súas portas ao público logo de varios meses pechado por mor da situación sanitaria. A tendencia á baixa dos datos de contaxios e o aceleramento da vacinación motivou a reapertura deste centro que procurará continuar a ser o enclave cultural estratéxico do sur de Ourense. Unha visión diferente, didáctica e visual pensada a partir das técnicas de interpretación patrimonial máis modernas que nos seus tres anos de vida xa constitúe un centro indispensable para os amantes da enoloxía e do patrimonio material e inmaterial.

Nova programación para o verán


Crear unha identidade comarcal propia, potenciar o patrimonio da comarca e dinamizar a vida cultural da vila continuarán sendo os obxectivos principais do Museo para esta tempada do 2021. Para os meses de verán, o Museo prepara diferentes proxectos que iremos coñecendo proximamente e que buscarán complementar a programación cultural da vila tanto para os veciños e veciñas como para os turistas que se acheguen a coñecer a nosa historia.

 

Máis de 200 actividades en tres anos


Nos seus tres anos de vida, o Museo de Verín organizou máis de 200 actividades académicas, divulgativas e pedagóxicas enfocadas a traballar na dirección que deu orixe a esta institución: dar a coñecer a historia da súa comarca e crear entre os seus veciños un sentimento de identidade. Localízase nun emblemático edificio verinense, situado na Praza da Merced, de estilo Barroco do século XVIII e construído en parte con pedras procedentes da fortaleza de Monterrei.

Que pode ver o visitante

As súas exposicións permítennos mergullarnos na pel dos contrabandistas da raia con Portugal, aló polo tempo da ditadura, ou incluso visitar unha lareira tradicional e lembrar (ou descubrir) como era a vida ao redor destas habitacións tan significativas nas casas galegas. Pero, sobre todo, grazas ao fío condutor do viño, podemos descubrir a forte tradición vitivinícola que marca a historia pasada e presente de Monterrei.

Dende o Museo piden responsabilidade aos visitantes e atención ás indicacións do persoal á vez que os animan a acudir ás instalacións sen medo e con total seguridade. O horario de visitas, como vén sendo habitual, é de mércores a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas.

Para calquera consulta, os usuarios poden contactar co museo a través da súa páxina de Facebook, do correo [email protected] ou ben chamando ao teléfono 617 96 39 05.

O Museo de Verín reabre co obxectivo de se converter no enclave cultural do sur ourensán