Xoves. 28.03.2024
A reunión dos interesados con Rosendo Fernández e Luz Doporto, esta mañá na Deputación de Ourense.
A reunión dos interesados, Pilar García e José Manuel López, con Rosendo Fernández e Luz Doporto, esta mañá na Deputación de Ourense.

Tras varios meses de loita pública, José Manuel López e Pilar García, retomaron os encontros para lograr a creación dun Punto de Encontro Familiar en Verín. Nesta ocasión, foron recibidos polo vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e a deputada de Benestar e Asuntos Sociais, Luz Doporto.

Durante o mesmo, recibiron unha noticia esperanzadora: o proxecto de orzamentos para o 2022 da Xunta de Galicia recolle unha cláusula pola que se destinarían 125.000 euros á creación do tan demandado Punto de Atención Familiar na vila.

"Saímos moi contentos porque nos comunicaron que hai dous días a nosa proposta foi incluída nos orzamentos do ano que vén. Así que agora, coa aprobación de Política Social, vemos máis cerca o noso obxectivo. Temos absoluta satisfacción pero agora falta velo feito realidade", remarca Pilar, trala reunión.

O último chanzo agora, segundo confirman os interesados a este medio, sería conseguir unha ubicación física para o servizo, asunto no que estiman ter avanzado no prazo máximo de dúas semanas. "Cremos que o local é o menor dos problemas. A Deputación quedou en avisarnos en menos de quince días dos avances neste sentido", engaden.

Unha competencia que fora asumida en primeira instancia polo Concello de Verín, quen se comprometera a habilitar e acondicionar un espazo para estes efectos e no que agora tomou partido a Mancomunidade. "O presidente informounos de que están a elaborar unha memoria de proxecto para conseguir un espazo que cumpra os requisitos e a normativa deste tipo de servizos", confirma José Manuel.

Con estas boas novas baixo o brazo, Pilar e José Manuel trasladáronlle aos mandatarios provinciais a necesidade de coordinación entre as entidades competentes para "remar todos cara o mesmo rumbo".

NOTICIAS VERÍN | A Xunta inclúe nos orzamentos do 2022 a creación do Punto de Encontro...