jueves. 25.04.2024
O delegado da Xunta, Gabriel Alén, estivo acompañado por varios alcaldes da contorna.
O delegado da Xunta, Gabriel Alén, estivo acompañado por varios alcaldes da contorna.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou este venres, acompañado do presidente de Sogama, Javier Domínguez, e os alcaldes da contorna, a obra da planta de biorresiduos de Verín, que se constrúe no polígono industrial de Pazos.

O delegado territorial e o presidente de Sogama salientaron que as obras evolucionan a bo ritmo e a previsión é que entre en operación o próximo 1 de xuño. Ámbolos dous explicaron, durante a visita guiada cos alcaldes dos municipios que, en principio, utilizarán os servizos desta instalación (22 en total -48.000 habitantes-), as características técnicas da instalación e a operativa que levará a cabo para transformar os residuos orgánicos recollidos a través dos contedores marróns nun compost de alta calidade.

Gabriel Alén puxo tamén en valor o traballo contrarreloxo desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Sogama para axudar a que, antes do próximo 31 de decembro, os concellos, que son quen teñen as competencias en materia de xestión de residuos, poidan dar debido cumprimento á normativa europea.

Tecnoloxías punteiras e fomento das enerxías renovables

A planta, que conta cun investimento de 5.525.158,85 euros + IVE, ocupa unha parcela de case 12.000 m2 e disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, estimando que produza da orde de 1.500 toneladas anuais de compost, que se utilizará non sector da agricultura e xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

A instalación estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo desta forma unha operativa totalmente respectuosa co medio ambiente. Así mesmo, será autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao estar alimentada con fontes renovables.

NOTICIAS VERÍN | A Xunta inaugurará a planta de Sogama en Pazos días despois das...