Xoves. 28.03.2024

Xa está dispoñible para a súa descarga o Bono Activa Comercio que ofrece Xunta de Galicia dende hoxe 9 de outubro. A súa obtención permite mercar con descontos nos establecementos adheridos a esta iniciativa. Os clientes do comercio de proximidade só teñen que descargar o bono, en formato QR, a través da web bonosactivacomercio.gal. Nela, os beneficiados poderán consultar a lista de comercios adheridos.

Son máis de 4.000 establecementos os que se sumaron ao proxecto nesta ocasión. A cuarta edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e con este preténdense mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso do comercio local, que é a clave para a economía das vilas e cidades.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permitirá descargar un único bono por persoa, e o importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como na edición anterior deste ano non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos (un por persoa), senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores ata o 31 de decembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado. Pola súa banda, os comercios que se queiran adherir a esta iniciativa poderán facelo ata o 15 de decembro.

Con esta nova edición a Consellería de Economía, Industria e Innovación amosa o seu compromiso tanto co comercio local como coas persoas consumidoras convocando este programa que sempre tivo unha repercusión moi positiva. De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2021 xa se mobilizaron preto de 54 M€ neste sector favorecendo máis de 950.000 transaccións nos establecementos comerciais.

No seguinte vídeo ensinámosche como descargalo:

NOTICIAS VERÍN | Xa está dispoñible o Bono Activa Comercio para mercar con descontos no...