A zona verde da Preguiza, en Verín, vai ser o epicentro dun encontro no que 400 voluntarios e voluntarias pertencentes a máis de 60 agrupacións de Protección Civil de toda Galicia xuntaranse para celebrar as IX Xornadas de Convivencia de Agrupacións de Voluntariado de Protección Civil de Ourense. O evento, que terá lugar o sábado cun marcado carácter formativo e lúdico, busca recoñecer e poñer en valor a importante labor social e altruísta deste colectivo.
Ademais de ser unha xornada para xuntarse e compartir experiencias, ao longo do día poderán participar en talleres prácticos relacionados co mundo das emerxencias -como primeiros auxilios, rescate en montaña ou intervencións con vehículos eléctricos- así como a visitas guiadas, exhibicións de medios e un acto institucional de recoñecemento aos voluntarios e voluntarias do ano. Durante a xornada dividiranse en grupos para poder asistir ás opcións que teñen programadas; una delas será a visita ao Aeródromo do Támega, donde o persoal do Servizo contra incendios explicará a súa operatividade. Non só será un xornada con compoñente formativo, o programa inclúe actividades culturais e de lecer para que desfruten dun día de convivencia. Poderán escoller entre diversas opcións; visitar o manancial de Cabreiroá, coñecer o centro histórico de Chaves ou desfrutar dun baño nas termas de Chaves.
Novena edición dunha xornada para confraternizar
A cita, organizada pola Asociación Provincial de AVPC de Ourense e o Servizo Provincial de Emerxencias, cumpre a súa novena edición e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e do propio Concello de Verín, que actúa como entidade anfitrioa. A presentación oficial da xornada tiña lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín, presidida polo alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo; que estivo acompañado pola directora territorial da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Beatriz Fernández Fernández, o xefe do Servizo Provincial de Emerxencias de Ourense, Olivier Reboredo, a concelleira de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil de Verín, Cándida Couñago, e o presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez.
Durante a súa intervención, o rexedor verinés quixo destacar "o enorme orgullo que sentimos no Concello de Verín polo traballo incansable das agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que representan a esencia da vocación pública e do compromiso coa comunidade. Son un exemplo de entrega desinteresada e de solidariedade, que merece todo o noso recoñecemento e apoio".