lunes. 29.04.2024
231201 Presentacion Novela Negra 2023 copia (FILEminimizer)
Aurora Prieto, Samanta Barreira, Gerardo Seoane e Vicente Rodríguez durante a presentación das xornadas.

Do 25 ao 27 de xaneiro de 2024, Verín mergúllase nun ambiente de intrigas, espionaxe, crimes e misterio coa celebración das Xornadas de Novela Negra “Ficha 342”. Así o confirmaron esta mañá o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura, Samanta Barreira; e os organizadores do evento, Vicente Rodríguez e Aurora Prieto durante a presentación da sexta edición do evento.


O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou que esta nova edición das xornadas promete unha "fascinante fusión entre realidade e ficción. Contaremos, como sempre, con destacados expertos do xénero que deixaron a súa pegada tanto na literatura como na realidade, ofrecendo aos asistentes unha experiencia única".

O rexedor municipal aproveitaba para expresar o seu "máis sincero agradecemento" aos organizadores deste encontro cultural, "cuxo árduo traballo e dedicación fan que, ano tras ano, sexa posible ter eventos de primeiro nivel como as Xornadas de Novela Negra ou Novela Histórica. O seu compromiso coa promoción da cultura e do fomento á lectura merece o noso recoñecemento e gratitude".

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Samanta Barreira, subliñaba: "Non podería deixar de lembrar que todo isto non sería posible sen a dedicación das voluntarias e voluntarios da biblioteca. Xunto con Vicente e Aurora, son a garantía do seu compromiso coa lectura e excelencia no facer, que fai que estas Xornadas de Novela Negra, na súa sexta edición, xa se consoliden como un dos evento máis destacados na nosa programación cultural municipal".

Programación "Ficha 342"


Entre os relatores, atópanse Iñaki Sanjuán, Inspector Xefe da Policía Nacional e responsable da sección de terrorismo internacional; Fernando Serrulla, Médico Forense e Antropólogo Forense, a cargo da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia; Mikel Lejarza, tamén coñecido como "Lobo", axente do SECED/CNI que desmantelou a cúpula de ETA desde dentro na década de 1970; e Fernando Rueda, xornalista de investigación e autor da biografía de Mikel Lejarza, así como do primeiro libro sobre os misterios do entón CESID, agora CNI, que cumpre 30 anos.

VI Xornadas Novela Negra Verín
VI Xornadas Novela Negra Verín

Ademais, estarán presentes destacadas figuras do ámbito literario como María Solar, gañadora do Premio Xerais 2022, coa súa novela "A culpa"; e Pedro Feijoo, presentando "Ninguén contará a verdade", galardoada co Premio Xerais 2023. O evento contará tamén coa participación de Enrique León Calviño, Ex Comisario de Vilagarcía, quen presentará a Iñaki Sanjuán. Como en anteriores edicións, a coordinación das xornadas correrá a cargo do xuíz Vázquez Taín.


As voluntarias da Biblioteca de Verín, encabezadas por Lara Páez, Sara Blanco e a recentemente incorporada Diny Blanco, serán as encargadas de conducir o evento. Tamén serán responsables de presentar aos relatores. Todas as actividades organizadas no marco das xornadas terán lugar no Auditorio de Verín, agás a proxección da película "O Lobo", que será no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín. 

#FICHA342

Ademais, desde a Biblioteca Municipal anunciaron que se premiará a todas a aquelas persoas que se fagan a “FICHA342”, que consistirá en tomar unha fotografía na particular ficha biblio/policial, un photocall que se atopa instalado na Biblioteca Municipal de Verín. Posteriormente deberán compartila nas súas redes sociais etiquetando a @bibliotecadeverin, así como aos autores
participantes, co hashtag #FICHA342.

Os cinco participantes máis populares, medidos polo número de likes e compartidos en redes, recibirán libros especialmente dedicados polos autores.

NOTICIAS VERÍN | VI Xornadas de Novela Negra “FICHA 342”, Verín mergúllase no misterio