martes. 23.04.2024
Presentación da programación de Nadal 2022/23 do Concello de Verín e AEVER. | VÍDEO: Jainer Barros.

A concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza; xunto co xerente e o presidente da Asociación de Empresarios de Verín (AEVER), José Ángel Rodicio e Santos Álvarez, presentaron o programa de actividades para este Nadal no Concello de Verín. Unha programación cun total de 16 ofertas de lecer, cultura e dinamización do comercio local deseñadas para o goce de todos os públicos, que se desenvolverán ata o martes 7 de xaneiro do 2023.

"Este ano preparamos unha serie de variadas propostas deseñadas con moita ilusión para esta época tan especial", explicou Emilia Somoza. A concelleira de Festexos tamén quixo agradecer ás asociacións e aos comerciantes que contribúen "a dinamizar o noso Nadal colaborando na creación desta completa programación que, sen dúbida, supón un claro exemplo de cooperación en beneficio da nosa vila".

O Servizo de ludoteca Ludonadal, dirixido a meniños e meniñas con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, estará aberto dende o vindeiro 22 de decembro e ata o 5 de xaneiro co obxecto de facilitar a conciliación dos pais e nais e proporcionar aos menores un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal.

Unha programación que arrincaba xa o xoves coa apertura do tradicional Belén da Viruca e o venres, día 9, coa Feira de Nadal, para continuar este mesmo sábado coa primeira marcha solidaria da vila. Como novidade, instalarase tamén o Tren de Nadal de Verín, un vehículo eléctrico infantil con percorrido circular en vías, que estará na Praza García Barbón de Verín durante todas as festas para o desfrute da cativada.

Será o luns, día 12, cando se produza o esperado acendido da iluminación da vila"Este ano as rúas de Verín contarán de novo cunha decoración urbana de Nadal moi especial, deseñada especialmente para que a cidadanía poida gozar das súas rúas, do comercio local e da hostalería coa súa familia e amizades", destacou a edil municipal. O retraso na súa colocación foi criticado polo xerente de AEVER, José Ángel Rodicio, quen reclamou ao Concello que nas vindeiras edicións fose acendida a iluminación de Nadal antes da ponte do día 6 de decembro. 

 

No faltarán tampouco as presentacións literarias con dúas interesantes propostas: a obra "Alejandro Viana. un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos" de Roberto Mero Covas e "Dende a ponte a Monterrei" do verinés Miguel Ángel Prieto Sotelo.

Terán un papel moi especial na axenda de Nadal a música e as artes escénicas. "Contaremos cun total de seis actuacións de primeiro nivel enfocadas a todos os públicos", salientou Somoza Basalo. Para os máis pequenos da casa O secuestro da Bibliotecaria de Sarabela Teatro; para un público máis familiar contaremos coas actuacións do Conservatorio de Música de Verín e a representación da obra Sempre nos Quedará Venecia de La Caja de Pandora. "Non sen esquecernos do público máis adulto programando un concerto tributo a Pucho Boedo, da man de José Antonio Alvar & Burgas Big Band".

Sen dúbida, o broche estrela desta edición será a Gran Cabalgata dos Reis Magos. Os nenos e nenas de Verín poderán gozar dunha espectacular comparsa composta por tres magníficas carrozas con animación musical e pasarrúas temáticos na que as súas maxestades, os Reis Meigos de Oriente, percorrerán as rúas de Verín e realizarán a tradicional recepción.

Outro dos piares fundamentais da programación de nadal serán as actividades destinadas á dinamización do comercio local organizadas pola Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER), en colaboración co Concello. Segundo explicou o seu xerente, José Rodicio, "ademais da campaña anual 'Os 6.000 de Verín', organizamos dúas actividades destinadas ao público infantíl como son dúas xornadas de divertidos xogos inchables -que encherán de música as rúas de Verín- e tamén recuperamos este ano a nosa tradicional Gala de Nadal de AEVER chea humor, maxia e música".

Programa de Nadal

 

CAMPAÑA COMERCIAL "OS 6000 DE VERIN" DE AEVER

A campaña "Os 6.000 de Verín" busca incentivar las compras en nadal, estará en funcionamento ata o 27 de decembro. O sorteo terá lugar o 28 de decembro.

LUDONADAL

Do 22 decembro ao 5 de xaneiro. Pavillón Municipal de Deportes. Luns a venres: de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Sábados de 10:00 a 14:00 horas. Servizo de ludoteca dirixida a nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, co obxecto de facilitar a conciliación dos pais e nais e proporcionar aos menores un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal.

BELÉN DA VIRUCA

Do 8 de decembro ao 9 de xaneiro. Salón parroquial. Horario: de 17:00 a 19:00 horas. Belén de gran tradición familiar que mostra á veciñanza e visitantes escenas típicas da tradición relixiosa e elementos da actualidade galega. Un Belén que é posible grazas á dedicación desta familia e a colaboración da Uap de Verín.

FEIRA DE NADAL

Do 9 ao 11 de decembro. Plaza García Barbón, de 11:00 a 14:00 y de 16:00 a 20:00 horas. Luns de 10:00 a 14:00 horas. Mercado temático con postos de artesanía, alimentación, decoración, regalos e doces. A feira contará tamén con animación musical e cun espazo dedicado aos máis pequenos da casa que recibirán a visita da figura máis tradicional do Nadal, Papa Noel.

O TREN DO NADAL

20 de decembro ao 8 de xaneiro. Praza García Barbón. Tren eléctrico infantil con percorrido circular.

PRESENTACIÓN DO LIBRO "ALEJANDRO VIANA. UN GALEGO Á FRONTE DO RESCATE DOS REFUXIADOS REPUBLICANOS" DE ROBERTO MERO COVAS

14 de decembro. Biblioteca de Verín, 19:30 horas. Premio Antón Losada Diéguez de Investigación 2022.

CONCERTO CMUS DE NADAL

22 de decembro, ás 20:00h no Auditorio Municipal de Verín. Actuación de alumnas e alumnos do Conservatorio de Música de Verín con repertorio clásico e de Nadal. Neste concerto actuará o alumnado de todas as especialidades do conservatorio así como a Orquestra Infantil, o Coro e a Banda de Música.

PRESENTACIÓN LIBRO "DENDE A PONTE A MONTERREI" DE MIGUEL ÁNGEL PRIETO SOTELO

22 de decembro. Salón de Actos da Casa da Cultura, ás 19.30 horas.

XOGOS INCHABLES

24 de decembro. Praza da Mercé, Praza García Barbón e Praza do Concello. Actividade de Dinamización do Comercio Local organizada por AEVER en colaboración co Concello de Verín.

TEATRO FAMILIAR | O SECUESTRO DA BIBLIOTECARIA

29 de decembro, 18:00 horas no Auditorio Municipal de Verín. Entrada gratuíta.

A señorita Ernestina é a fermosa bibliotecaria da vila de Parangón. Aínda que é orfa e non ten familiares ricos, os bandidos desta peza decidiron secuestrala. Pretenden xerar un caos cultural que obrigue ás autoridades a pagar polo rescate da  bibliotecaria. Pero as intencións desta banda tomarán un novo rumbo ao descubrir que a señorita Ernestina contaxiounos co virus da varicela.

GALA DE NADAL DE AEVER

30 de decembro. Pavillón dos Deportes, 18:30 horas. Gala familiar de Nadal con humor, maxia e música.

XOGOS INCHABLES

3 de xaneiro. Praza da Mercé, Praza García Barbón e Praza do Concello. Actividade de Dinamización do Comercio Local organizada por AEVER en colaboración co Concello de Verín.

GRAN CABALGATA DOS REIS MAGOS

5 de xaneiro, a partir das 18:00 horas. As súas maxestades, os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas de Verín nunha espectacular cabalgata.

TRIBUTO A PUCHO BOEDO

6 de xaneiro, 20:00 horas no Auditorio Municipal de Verín. Concerto tributo da man de José Antonio Alvar & Burgas Big Band. Recollida de entradas no Auditorio Municipal o día da representación, a partir das 16:00 horas.

TEATRO | SEMPRE NOS QUEDARÁ VENECIA

7 de xaneiro, 20:00 horas no Auditorio Municipal de Verín. Recollida de entradas no Auditorio Municipal o día da representación, a partir das 16:00 horas. Organiza: La Caja de Pandora de Verín.

NOTICIAS VERÍN | Un tren na praza García Barbón e, de novo, a Gala de Aever, novidades...