Así o anunciou esta mesma mañá a Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na súa primeira visita a Verín. O novo local da oficina de emprego, que dá servizo a outros oito concellos (Castrelo do Val, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós e Vilardevós), ocupará un espazo de 357 metros cadrados na avenida de Sousas, 76, case o dobre da actual situada na avenida de Castela, e adaptarase ás necesidades de modernización do servizo de emprego.
O proxecto está enmarcado na estratexia da Xunta de acometer unha reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia, desde os espazos físicos ata a implantación dun novo software que optimice as tarefas relacionadas coa xestión do emprego e a formación.
“Non deixamos de traballar pola mellora dos servizos de orientación e as oportunidades de colocación e inserción laboral de todas as galegas e galegos, a través tanto de infraestruturas físicas como de sistemas dixitais”, incidiu a Conselleira. As oficinas de emprego distribuídas pola comunidade constitúen un “espazo clave de intercambio da oferta e da demanda, de interconexión entre as administracións públicas e o tecido empresarial do noso mercado de traballo”, remarcou.
As obras da nova oficina comezarán antes da fin deste ano 2021 e estarán rematadas previsiblemente no primeiro semestre de 2022.
A Conselleira visita o novo local da oficina de emprego acompañada de Juan Manuel Jiménez, exalcalde e exsenador popular (á esquerda) e Yago Borrajo, xefe territorial da Consellería de Emprego e Igualdade en Ourense (á dereita). | FOTO: M. D.
Centro de Información á Muller
Previamente á visita na oficina de emprego, a Conselleira visitou as instalacións do Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Verín, onde puxo en valor a súa contribución “cara a igualdade e o empoderamento feminino, a saúde e o benestar de mulleres que residen nos sete concellos que forman parte da Mancomunidade de Verín”.
Desde a creación deste centro no ano 2017 ata o día de hoxe atendeuse a 564 mulleres e o número de consultas recibidas ascendeu a 2.573. Ademais, durante estes 4 anos, detectáronse desde o Centro 68 casos de mulleres e familias que se viron afectadas pola violencia de xénero. “Os CIM son mostra da colaboración que mantemos dentro da Administración autonómica cos concellos para prestar unha asistencia integral ás vítimas da violencia de xénero”, dixo a Conselleira.
O CIM da Mancomunidade de Verín é un dos 17 que operan na provincia de Ourense, dun total de 84 CIMs distribuídos por todo o territorio galego, cos que se garanten 220 postos de traballo de profesionais multidisciplinares que interveñen en casos de violencia de xénero e que prestan atención e asesoramento a unha media de 9.300 mulleres ao ano e acompañamento nos procesos xudiciais ás vítimas.
“Logramos prestar un servizo de proximidade e estar ao carón das mulleres que o precisen, ofrecéndolles en todo momento unha atención integral e continuada que lles recorde que non están soas e axude a saír adiante”, remarcou a titular de Emprego e Igualdade.
Programa de conciliación en Oímbra
Os corenta nenos e nenas que participan no 'Oímbra Verán 2021' recibiron esta mañá á Conselleira, que coñeceu de primeira man o funcionamento deste programa de conciliación laboral e familiar.
A Xunta de Galicia apoia desde 2015 este programa de conciliación do concello con cerca de 40.000 euros no marco das axudas destinadas á conciliación nas entidades locais.