
O Verín C. F. continúa cos actos de celebración polos seus primeiros 50 anos de vida. Nesta ocasión, faino coa estrea dunha mostra que terá lugar mañá, venres 25, ás 20:30h, nas instalacións do estadio José Arjiz. A exposición recolle trofeos, materiais e verdadeiras xoias fotográficas que farán recordar aos asistentes os momentos máis importantes vividos polo club en toda a súa historia.
Tódalas pezas van estar a disposición de socios e afeccionados de maneira permanente nunha nova zona administrativa do José Arjiz, que tamén se vai inaugurar mañá, tralo remate das obras de reforma ás que foi sometido o estadio.
Unha nova era para o Verín
No mesmo acto, arredor das 20:15h, será presentada a nova dirección técnica encabezada polo adestrador, o ata o de agora xogador Adrián Padrón. O ourensán toma as rendas do equipo despois da saída de Manel Vázquez tras dúas tempadas.
O evento contará coas intervencións do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o coordinador das actividades do 50 aniversario, Juan Carlos Francisco Rivera.