Case 48 horas sen conexión. Así están algúns veciños da vila que, dende o día de onte, non poden facer uso da súa liña de internet con normalidade. É o caso das irmás Gómez, de Pato Joyeros, un dos establecementos máis céntricos da vila, situado na rúa Maior. "Onte xa notamos que fallaba a conexión. Comezamos por non ter na casa, pero hoxe seguimos sen internet na xoiería, o que nos dificulta moito o noso traballo", conta Victoria, unha das donas.
O curioso é que dispoñen de conexión de dúas compañías diferentes e ambas, dan erro. "Na casa temos Orange e na xoiería, cobertura Movistar", engade. "Onte puxémonos en contacto coa primeira e aseguráronnos que pola mañá xa estaría o problema resolto, pero aínda non o está. En teoría trátase dunha caída da rede na zona.", conclúe.
En teoría, porque na práctica ninguén lles asegura nada. Tanto é así, que dende Telefónica, tal e como lle confirmaron a este medio, "non teñen coñecemento de ningunha avaría na vila". Polo momento, son moi poucas as zonas de Verín que contan coa fibra óptica, unha conexión máis rápida e estable que o ADSL, que se está instalando de maneira progresiva. "Non podemos asegurar, como di algunha xente, que as fallas se deban á instalación da fibra porque a infraestrutura é totalmente independente da do cobre tradicional", engade a empresa.
Aínda así, as irmás Gómez non son as únicas afectadas, pois varios veciños da avenida de Sousas xa se teñen posto en contacto coa compañía por cortes habituais -aínda que momentáneos- da conexión. "Non podo atender ás miñas clases de inglés na súa totalidade porque se corta continuamente", afirma unha veciña.
Pero os problemas traspasan as fronteiras particulares e tamén recaen en entidades bancarias. "Eu tiven problemas en CaixaBank, non poidemos pagar nin a primeira hora nin á metade da mañá tampouco. Tiven que ir a outro banco porque este xa levaba dous días sen conexión", afirma outro dos afectados. Polo momento, teñen que agardar a solución dun problema que parece que afecta a unha gran parte da poboación e dos servizos.