A vaga de calor da última semana, que levou ós termómetros ó extremo, deixou notables repercusións na atención médica de toda a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Con temperaturas duns 40 grados ou máis durante varios días seguidos, moitos foron os que precisaron asistencia para combater os seus efectos na saúde.
O Sergas calcula que no hospital de Verín as urxencias incrementáronse ata un 25% as atencións en urxencias por mor da vaga de calor. O perfil destes pacientes son persoas con enfermidades crónicas, descompensados, con múltiples patoloxías e de idade moi avanzada, polo que algúns deles precisaron dunha hospitalización e repercutiron na ocupación hospitalaria.
O CHUO foi o que máis notou o aumento de pacientes nas urxencias, con ata un 40% máis de atencións nos últimos días. No caso do Barco, a influencia dos incendios forestais tamén repercutiu na asistencia de persoas con intoxicacións leves polo fume ou deshidratación.
En xeral, o incremento da demanda nos servicios de urxencias da área sanitaria supuxo un aumento nos tempos de resposta, polo que os usuarios con procesos máis banais tiveron que agardar máis para ser atendidos.
Polo momento, a alerta por altas temperaturas finalizou hoxe para toda Galicia e en especial na provincia de Ourense. Na última semana os termómetros roldaron case todos os días os 40 grados, superándoos en moitas localidades. Meteogalicia predice para hoxe unhas temperaturas que non superarán os 30 grados, con intervalos nubosos que permitirán respirar un poco despois de tantas xornadas de calor.
Nos vindeiros días agárdase un novo incremento dos termómetros, sen chegar a extremos como os vividos na semana pasada.