domingo. 19.07.2026
Unha celebración interxeracional con música de raíz os días 1 e 2 de agosto

NOTICIAS VERÍN | Xogos musicais coa cativada e foliada en Solleira para dar comezo ás V Xornadas de música tradicional Nova Era

Nova Era en Solleira 2024
O ano pasado, Nova Era puxo a bailar a todas as persoas usuarias do Centro de Día Solleira.

Verín prepárase para unha inmersión total na cultura máis fonda e arraigada coa quinta edición das Xornadas de música tradicional Nova Era. Esta cita, xa inescusable no calendario estival da comarca, volve baixo a organización da incansable Asociación Cultural Música Tradicional de Monterrei e a súa Banda de Gaitas Nova Era, coa promesa de encher as rúas de gaitas, pandeiretas e, sobre todo, moito agarimo polos nosos. As xornadas celebraranse mañá venres 1 e o sábado 2 de agosto, e están pensadas para un público de todas as idades, consolidándose como un espazo onde o espírito dos "Cantos de Taberna" se reinventa para abrazar a toda a comunidade.

A esencia destas xornadas reside na posta en valor da música de raíz, entendida como un baluarte da nosa identidade. Este ano, a quinta edición pon o foco no seu carácter profundamente comunitario, rendendo homenaxe a todas esas persoas que, dende a resistencia cotiá, manteñen viva esta herdanza. A A.C. Música Tradicional de Monterrei e a Banda de Gaitas Nova Era eríxense así como un piar fundamental na recuperación das tradicións orais e da cultura galega en Verín. Un traballo impagable para que a gaita e a pandeireta sigan soando, contando historias e espertando emocións en cada xeración.

Xogos musicais, foliadas e Cantos de Taberna

As xornadas arrancan con forza este venres, 1 de agosto, cos xogos musicais coa cativada das ludotecas da zona, nos que colaborarán a Ludoteca Municipal, Cruz Vermella e FEMURO. Será a partir das 11h. Pola tarde, a música traspasará os muros para chegar a espazos de coidado e memoria: ás 16:00h, actuación no Centro de Día Solleira, e ás 17:00h, na residencia Fogar de Santa María de Verín. Nova Era compartirá unha foliada emotiva, un xesto que recoñece a transmisión cultural interxeracional, convertendo a música nunha ponte viva entre pasado e presente.

 

O sábado, 2 de agosto, será o día dos esperados "Cantos de Taberna". A partir das 20:30h, as rúas e bares do casco vello de Verín encheranse da máis pura música de raíz. Participarán grupos xa coñecidos e queridos na contorna como Candaira, A Flor da Xesta, Cantarelas do Riós e a propia Banda de Gaitas Nova Era, nun percorrido musical que promete diversión e reencontros. Colaboran nesta xornada establecementos como o Bar 20 1/2, Gandainas, A Peixeiría, Tapería Rúa Maior, O Enredo e o Botánico.

NOTICIAS VERÍN | Xogos musicais coa cativada e foliada en Solleira para dar comezo ás V...