viernes. 19.04.2024
Feijóo e Comesaña, nunha das reunións do comité clínico.
Feijóo e Comesaña, nunha das reunións do comité clínico.

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia acordou, na súa reunión da tarde de onte, un novo escenario para a xestión da Covid-19. Coa aplicación das novas medidas, que entrarán en vigor ás 00:00h do vindeiro sábado 11 de setembro, toda a comarca de Monterrei quedará no nivel medio-baixo de restricións, tras decaer Verín do nivel medio. 

Isto supón, nos establecementos hostaleiros, un aforo do 75% en interiores e do 100% nas terrazas. Para o ocio nocturno, 50% en interiores e 100% en exteriores. No eido das reunións, mantense a prohibición nas reunións de non convivintes entre as 3 e as 6 da madrugada. No resto de horas, está permitido un máximo de seis persoas no interior e dez no exterior.

Novas para a hostalería

Estas medidas mantéñense en vigor á espera de que a Xunta estipule o novo protocolo de actuación para o sector, que previsiblemente entrará en funcionamento este mesmo mes de setembro. 


Con este novo modelo de organización, os establecementos hostaleiros quedarán divididos en dous niveis de seguridade independentes da situación sanitaria do concello no que se atopen. No primeiro, os negocios contarán cun aforo do 50% en interior e do 75% no exterior e non poderán utilizar as barras. No segundo, os locais terán o 100% de aforo en terraza, o 75% dentro e recuperan o uso da barra. Neste último caso, intensifícase a obriga da limpeza e ventilación, máscaras para os clientes e máis puntos de xel hidroalcólico.

Serán os propios hostaleiros quen decidan baixo que nivel de condicións de seguridade traballan, se no medio ou no máximo. Durante o día de hoxe está previsto que se desvelen máis detalles do protocolo definitivo.

NOTICIAS VERÍN | Toda a comarca en nivel medio-baixo e novos graos de restricións para...