
Arredor deste mediodía un viandante que camiñaba pola rúa Constitución de Verín alertou aos veciños do número 10 de que algo raro estaba a pasar no cableado público. Foi exactamente a esa altura onde comezaron a saír pequenas chispas e fume dun sector dos cables de alumeado, que provocou que os veciños deran aviso aos bombeiros do parque de Verín.
Os bombeiros de Verín acudiron ao lugar dos feitos. | FOTO: M. D.
Tamén ao técnico encargado da reparación que, segundo contou a Diario do Támega, "a orixe foi un fallo nunha peza de aluminio provocado polo desgaste derivado da climatoloxía e do paso do tempo". A avería quedou solucionada poucos minutos despois que, aínda que pequena, provocou que os veciños dos inmobles colindantes quedaran sen luz durante uns minutos.
Ata o lugar tamén se desprazaron efectivos da Policía Local que regularon o tráfico mentres un dos carrís se mantiña pechado de maneira momentánea.
Os cables afectados. | FOTO: M. D.