viernes. 19.04.2024
Lola, veciña de Verín, fala das camiñatas que facía coas súas amigas para ir ata o santuario.

O Santuario dos Remedios volverá o domingo a outros tempos, xa pasados, coa romaría Val do Viño que organiza a comunidade de montes de Vilamaior. Durante toda a xornada contarán con diversas actividades, desde as 8:30 horas, que servirán para pór en valor o templo e a súa relación coa contorna e o mundo do viño

A comunidade de montes de Vilamaior, en colaboración co Concello de Verín e a D. O. Monterrei, busca "dar a coñecer o viño de onte de hoxe e de mañá, desde este espectacular icónico santuario que é reseña non só de Verín senón de toda a comarca. Cada anaquiño deste lugar fálanos da cultura, da veciñanza, da romaría...".

Para coñecer a historia, o equipo de Xeitura fará unha dramatización histórica da antiga romaría, que a reconstruirán grazas ás testemuñas dos veciños e ós arquivos históricos. Lola e Miguel son dúas das persoas que coñecen ben Os Remedios e contáronlles as súas lembranzas de xuventude, cando a romaría mobilizaba a gran número de devotos que non eran só da comarca.

Lola, quen é veciña de Verín, lembra as quedadas coas súas amigas para ir ata o santuario. Durmían todas xuntas e disfrutaban dunha camiñata ata Os Remedios, para logo volver e recoller os ansiados churros que deixaban reservados. "Pasabámolo xenial e era un día moi especial para nós", recorda.

Miguel, veciño de Vilamaior, coñece aínda máis todos os segredos dos Remedios ao ser o sancristán durante máis dunha década. "Cando había novena estaba con el e vías que a xente andaba apurada para rematar o traballo e poder vir á misa", conta.

Os dous recoñecen que unhas das cousas que sempre lles impactou foi as ofrendas polas que algúns devotos peregrinaban de xeonllos ou descalzos. "Sempre me impresionou porque os vías chegar con sangue", lembra Miguel. O santuario enchíase naqueles tempos de persoas que peregrinaban na honra da Virxe dos Remedios. Alí pasaban o día e aproveitaban a feira, pero a tradición foise perdendo.

Este domingo volverán vivir eses tempos da súa xuventude e axudarán a recuperar esta tradición para as novas xeracións. Val do Viño quere ser un obxecto de promoción do viño, do campo e do santuario e así poñer en valor as tradicións, as romarías e o folclore vencellado ao viño. O impacto turístico é outro dos obxectivos ao igual que o da protección do legado histórico e artístico dos Remedios, onde destacan figuras como a de García Barbón.

A xuntanza rematará cunha comida popular con tenreira ó espeto que será preparada en directo polo cociñeiro vasco Karlos Ibarrondo. As entradas para participar nesta xornada custan 25 euros e pódense mercar no Bar Lito de Castrelo do Val, en Gandainas, na tenda O Taller, en Asubío, en Pato Xoieros e en Generali Seguros.

 

PROGRAMA DE VAL DO VIÑO:

Domingo 3 de xullo

  • 8:30 horas: Roteiro fotográfico "Ó carón do Val do Viño". Amenizado por Fuego Street Band.
  • 10:00 horas: Visita á feira de productos locais no que haberá un obradoiro de alfarería co Mestre Carrera. 
  • 11:00 horas: Comezo dos actos no interior do templo sobre o val, o viño e o santuario, presentados polo actor Toni Salgado.
    • 11:05 horas: Inicio das xornadas.
    • 11:25 horas: O Trebede do Viño co mestre Miro e Miguel Ángel.
    • 12:00 horas: Comentario histórico-artístico do santuario.
    • 12:45 horas: Dramatización histórica a cargo de Xeitura.
    • 13:45 horas: Entrega dos premios Val do Viño.
    • 14:00 horas: Acto de clausura.
  • 14:15 horas: Xantar de tenreira ó espeto polo método "buruntzi" feito polo cociñeiro Karlos Ibarrondo. O menú inclúe empanada, pan, viño, auga, postre e café. Disporase tamén dunha pulpeira e dun servizo de bar.

 

NOTICIAS VERÍN | O Santuario dos Remedios recupera o valor das súas tradicións