domingo. 19.07.2026
Sairán, coma sempre, dende San Lázaro, pero un día antes

NOTICIAS VERÍN | Os Reis adiantan a súa viaxe a este sábado día 4

Reis magos verin 2024-054
Os reis magos volverán a iluminar as rúas de Verín este sábado. | FOTO: Anabel G. Simón.

Co obxectivo de garantir a seguridade e o desfrute de toda a veciñanza, o Concello de Verín vén de anunciar que a tradicional Cabalgata de Reis se celebrará este sábado, día 4 de xaneiro, en lugar do domingo inicialmente previsto. Esta decisión foi adoptada debido ás previsións meteorolóxicas adversas.

A concelleira de Cultura, Festexos e Turismo, Samanta Barreira, explicou que "esta medida busca que a veciñanza poida gozar da chegada das súas Maxestades de Oriente nas mellores condicións posibles, tendo en conta a actual situación meteorolóxica. A nosa prioridade é a seguridade e que os máis pequenos poidan vivir unha experiencia máxica e sen contratempos".

A Cabalgata terá lugar conforme ao seguinte programa actualizado:

Horario de saída: 17:30 h

Punto de saída: San Lázaro

Percorrido: Avenida Luis Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno, ata o Pavillón de Deportes.

Apertura de portas no Pavillón: 17:30 h

Dende o Concello, recoméndase á veciñanza seguir as indicacións dos equipos de Policía Local e Protección Civil para desfrutar dunha cabalgata segura.

No que respecta ao Pavillón de Deportes, deberase lembrar a obrigación de:

Manter as escaleiras e corredores libres como vías de evacuación.

Dispor dun espazo reservado na zona de pista para carros de nenos e nenas e persoas con mobilidade reducida.

Respectar as quendas, xa que as súas Maxestades atenderán a todas as familias con moita ilusión.

Dende o Concello de Verín agradecen a comprensión e colaboración de toda a cidadanía ante este cambio e invitan a participar nesta celebración, que promete ser un evento inesquecible para grandes e pequenos.

NOTICIAS VERÍN | Os Reis adiantan a súa viaxe a este sábado día 4